Deputación de Lugo
Medio ambiente

Último día para inscribirse no congreso sobre o proxecto Life da Deputación dirixido ao aproveitamento sostible do Xistral

Life in common land
A institución provincial exporá os días 8 e 9 no Pazo de San Marcos os resultados do programa Life in Common Land, dirixido á protexer un conxunto de hábitats único na Europa continental

O plan incluíu unha medida pioneira, que poderá replicarse noutros territorios europeos, consistente en pagos compensatorios ás comunidades de montes polos resultados de conservación que lograron seguindo o modelo de xestión deseñado no marco do propio Life

A cita contará con expertos de primeiro nivel, como Frank Vassen, da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea; Laure Kufhuss, economista do instituto escocés James Hutton; ou James Moran, da Universidade Tecnolóxica do Atlántico de Galway, en Irlanda

Mañá é o último día para inscribirse no congreso que organiza a Deputación de Lugo a vindeira semana, os días 8 e 9, no Pazo de San Marcos, como colofón do programa Life in Common Land, unha iniciativa financiada con fondos europeos dirixida a favorecer a conservación dos hábitats característicos e o aproveitamento sostible da riqueza ambiental da Serra do Xistral, integrada na Rede Natura 2000 e Reserva da Biosfera. 

Neste territorio, atópase un conxunto de hábitats único na Europa continental: as turbeiras e os queirogais húmidos. A súa conservación está estreitamente ligada ás actividades  tradicionais, como a gandería de vacún e as bestas salvaxes, e aporta valores naturais importantes en tanto que constitúen un almacén de carbono clave no contexto do cambio climático e son reservorio de auga e de biodiversidade.

Para sacar adiante este proxecto, a Deputación, en colaboración coas universidades de Santiago e A Coruña, traballou man a man coas comunidades de montes veciñais da Balsa, Boimente, Cadramón, Frexulfe, Laxa Moura, Miñotos, Montouto, Tenente e Xistral, Santo Tomé de Recaré, Silán e Vilacampa, pertencentes a 6 concellos do norte da provincia de Lugo: Abadín, Muras, Ourol, O Valadouro, Viveiro e Xove.

De feito, no marco do programa Life, a Deputación levou a cabo unha iniciativa pioneira, que poderá replicarse noutros territorios europeos, consistente en pagos compensatorios ás comunidades de montes polos resultados de conservación que lograron seguindo o modelo de xestión deseñado no propio proxecto europeo. Algún exemplo desas accións que permiten ver esa mellora no hábitat son as rozas, plantacións, mantemento e manexo sostible do gando nos hábitats prioritarios, control da vexetación, ou xestión das infraestruturas de xestión gandeira, como cercados e bebedeiros, entre outras.

No congreso dos días 8 e 9 de novembro, a Deputación exporá os resultados das accións desenvolvidas no marco do Life in Common Land. Organizarase en cinco grandes bloques sobre os que se xerará debate e a través do que se agardan conclusións que poderán ser de utilidade para outras zonas de Europa. Os bloques son: actividades rurais tradicionais e conservación de hábitats, restauración de turbeiras e brezais, mecanismos de pago por resultados de conservación, visita de campo á Serra do Xistral, e áreas comunais e conservación de hábitats na Rede Natura 2000. 

Entre os relatores deste congreso, destacan expertos a nivel nacional e internacional que compartirán as súas experiencias dentro doutros proxectos Life ou outras entidades relacionadas, como o zoólogo Carlos Sunyer; Frank Vassen, da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea; Amelia Ortubai, unha das responsables do Life Oreka Mendian, do País Vasco; Laure Kufhuss, economista do instituto escocés James Hutton; Alfred Ferris, da Asociación Portuguesa de Tracción Animal; ou James Moran, da Universidade Tecnolóxica do Atlántico de Galway, en Irlanda.

Inscrición

O evento celebrarase nun formato que permitirá a participación tanto virtual como presencial, e haberá visitas de campo á Serra do Xistral. As persoas interesadas poden anotarse aquí: https://www.lifeincommonland.eu/noticia/abiertas-las-inscripciones-al-congreso-final-de-life-in-common-land-el-8-y-9-de-noviembre.