Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación e UXT Lugo celebran mañá no Pazo de San Marcos unha xornada sobre envellecemento activo 

envellecemento activo
UXT
O Deputado de Promoción Económica e Social e a Secretaria Xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas Lugo da organización sindical presentaron a primeira edición deste foro, de acceso libre e gratuíto para todas as persoas interesadas, que contará con destacados especialistas no ámbito da xeriatría

Rivera Capón salientou a importancia de acoller este encontro, xa que “a dispersión territorial e o envellecemento activo son o eixo de partida que segue a institución á hora de artellar as súas políticas sociais, que se focalizan na Rede de Centros de Maiores, o Servizo de Axuda no Fogar e a teleasistencia 24 horas”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e a Secretaria Xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas Lugo do sindicato UXT, Dolores Vieiro Núñez, presentaron este mércores na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a I Xornada de Envellecemento Activo, un encontro de acceso libre e gratuíto para todas aquelas persoas que estean interesadas, que se celebrará mañá xoves 3 de novembro, no Salón de Actos da institución provincial, baixo o título Vivir con dignidade.

Rivera Capón destacou a importancia da celebración deste encontro “no que se abordará un tema de especial importancia para esta institución, como é o benestar social”. Incidiu en que a dispersión territorial e o envellecemento activo son o eixo de partida que segue a institución á hora de artellar as súas políticas sociais, que se focalizan na Rede de Centros de Maiores, o Servizo de Axuda no Fogar e a teleasistencia 24 horas”. “Somos unha das poucas deputacións de España cunha rede de protección social tan ampla e eficaz”, subliñou o Deputado.

Segundo os recentes datos presentados no Mapa de Cohesión Social do Eixo Atlántico, a esperanza de vida alóngase ata os 85 anos, por iso recalcou “é fundamental que desde as administracións públicas traballemos para que a terceira idade sexa unha etapa o máis saudable posible”, engadiu Pablo Rivera.

A xornada contará con destacados especialistas no ámbito da xeriatría, e analizará ao longo da mañá, en diferentes relatorios e unha mesa redonda, os actuais desafíos aos que se enfrontan as persoas maiores para mellorar a súa calidade de vida, abordando asuntos como a dependencia, a soidade e a fraxilidade, ou a revalorización das pensións.

Programación da xornada

10:00h. Inauguración. Pablo Rivera Capón, Deputado de Promoción Económica e Social
10:10 a 11:00 h.  Rocío Malfeito Jiménez, Xefa de Xeriatría do HULA
11:00 a 12:00 h. María Vanesa Vázquez Núñez, Diplomada en Enfermería e Traballadora nos Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo
12:00 a 12:30 h. Pausa café
12:30 a 13:00 h. Juan José Rodríguez Gude, Director Provincial do INSS e da TGSS en Lugo
13:00 a 13:50 h. Mesa redonda coa participación da Xefa de Servizo da Deputación de Lugo, Silvia García, e as directoras dos Centros de Atención a Maiores da Deputación e unha traballadora social da institución
13:50 a 14:00 h. Peche. Lara Méndez, Alcaldesa de Lugo, e Pablo Rivera Capón, Deputado de Promoción Económica e Social