Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente da Deputación e a Vicepresidenta Ribera abren o Fórum Lugo 2022, que reúne proxectos innovadores de todo o país para o desenvolvemento sostible

Forum Lugo 2022
España Creativa
José Tomé subliñou que a participación da Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico é unha mostra máis do “enorme compromiso dun Goberno que se preocupa de verdade polo benestar e o futuro dos veciños e veciños da provincia, con feitos e medidas concretas”

O propio Fórum Lugo e as propostas finalistas da Copa de España Creativa 2022 poñen de manifesto “que non hai unha España baleira ou baleirada, senón, polo contrario, unha España chea de ideas, de proxectos e de novas maneiras de ver o mundo, que só necesitan atención, recoñecemento e respaldo”, asegurou o Presidente

A Vicepresidenta puxo en valor a aposta da Deputación de Lugo polo desenvolvemento sostible a través de proxectos como o de recuperación de soutos na Reserva da Biosfera dos Ancares, co que gañou a Copa de España Creativa do pasado ano

Lugo acolle a xornada de hoxe do foro, que se trasladará mañá á Ribeira Sacra e o sábado á Mariña cun programa que inclúe presentacións dos 18 proxectos que concorren ao galardón, foros con expertos de primeiro nivel e visitas a recursos patrimoniais da provincia

A candidatura gañadora darase a coñecer nunha gala o sábado no MIHL, onde terá peso o xurado experto presidido pola deportista Teresa Perales e o voto popular, que se atopa aberto de maneira online

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este xoves no Pazo de San Marcos xunto á Vicepresidenta Terceira do Goberno e Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera Rodríguez, o Fórum Lugo 2022, un encontro que converte á provincia durante tres xornadas, dende hoxe ao sábado, nun centro de exposición e intercambio de proxectos innovadores de entidades de todo o país para impulsar o desenvolvemento sostible.

No acto participou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco Fraga, e a presidenta da organización España Creativa, Belén Elisa García, ademais do Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e deputados e deputadas provincias, e alcaldes e alcaldesas de toda a provincia.

José Tomé agradeceu a presencia da Vicepresidenta, “unha mostra máis do enorme compromiso do Goberno de España con esta provincia. Un Goberno que se preocupa de verdade polo benestar e o futuro dos veciños e veciños da provincia, con feitos e medidas concretas”.

O mandatario provincial deulle a benvida á provincia aos representantes das 18 candidaturas finalistas do certame, que proceden distintos puntos xeográficos do país, e tamén a todas aquelas persoas que se inscribiron para participar neste foro. “A filosofía do Fórum Lugo 2022 baséase en compartir experiencias, xerar sinerxías e crear comunidade, por iso, recibilos hoxe aquí dálle pleno sentido á Copa de España Creativa que a Deputación de Lugo gañou en Orihuela o pasado ano”. 

O propio Fórum Lugo e as propostas finalistas da Copa de España Creativa 2022 poñen de manifesto que “non hai unha España baleira ou baleirada, senón que, polo contrario, está chea de ideas, de proxectos e de novas maneiras de ver o mundo, e que só necesitan atención, recoñecemento e respaldo para converterse en realidade”, recalcou o Presidente, destacando “investimentos de contía histórica para mellorar as infraestruturas viarias e ferroviarias, e recuperar así o tempo perdido que viñamos arrastrando”. 

José Tomé destacou a “innovación e creatividade” que aporta o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, cuxa creación “supuxo unha aposta innovadora, pois, por fin, se recoñecía a necesidade de impulsar políticas públicas de desenvolvemento que combinan a protección do medio ambiente coa cohesión social e territorial para frear o despoboamento no rural”.

Igualmente, o Concello de Lugo, grazas á “excelente xestión da Alcaldesa, cun proxecto ben definido e un compromiso claro para mellorar a vida da xente, pon en valor as raíces da cidade, ao tempo que se reinventa como un referente en políticas de mobilidade e desenvolvemento sostible”, destacou José Tomé.
    
Tamén enxalzou neste sentido o traballo da Universidade de Santiago, “un centro de educación superior de prestixio internacional, que ten un alto compromiso coa sociedade e o territorio no que se asenta. No noso caso, con iniciativas como o Campus Terra que recibiu este pasado verán a  acreditación como Campus Especializado no ámbito agrogandeiro, forestal, alimentario e veterinario”.

 
O rural, no centro da xestión provincial

O Presidente da Deputación explicou que, polas características xeográficas e sociais da provincia, “o rural vertebra toda a nosa xestión, centrada principalmente en achegar os servizos públicos á xente e en axudar aos sectores produtivos”, sobre todo ao sector primario, cun peso determinante a nivel económico, social e cultural, e ao turismo, “que ten un tremendo potencial para dinamizar as economías locais”.

Lembrou neste sentido a aposta da institución por un modelo turístico “sostible, de calidade, que pon o acento na experiencia, o contacto coa natureza, coas costumes, co patrimonio e coa gastronomía”. 

Nesta estratexia enmárcase, explicou, a adhesión da entidade provincial á Rede de Cidades e Territorios Creativos de España e a súa participación na Copa de España Creativa. “Queremos amosar todo o noso potencial, crear sinerxías e seguir aprendendo, e ser unha entidade activa para favorecer a cohesión social e territorial do noso país recoñecendo e aproveitando a nosa rica diversidade”.

Recoñecemento á Deputación

As primeiras palabras da Vicepresidenta Terceira do Goberno foron de recoñecemento para o traballo da Deputación e o seu proxecto de recuperación de soutos na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia e Becerreá, co que a institución gañou a Copa España Creativa 2021. “Estou satisfeita de que ese premio fose para a recuperación de soutos, nunha provincia que entende, mima e pon en valor o seu ecosistema con iniciativas moi acertadas”, afirmou.

Deste xeito, asegurou que “é de xustiza estar aquí porque moitas veces asociamos a biosfera a moitas cousas, pero esquécenos o potencial que ten de creatividade, de benestar e de xerador de riqueza e desfrute para a cidadanía”, dixo en alusión ao potencial social do proxecto premiado da Deputación. 
 
A Ministra quixo recoñecer o papel “de todas as corporacións municipais de concellos grandes ou pequenos, porque son creativos. Teñan ou non as competencias ou os recursos, son a primeira referencia para os veciños e veciñas, e achegan día a día solucións”, manifestou. 

Un programa de alto nivel

Teresa Ribera salientou o alto nivel do programa do Fórum Lugo 2022, ao combinar conferencias, presentacións, mesas de debate e a defensa das candidaturas finalistas. “Saber que Nacho Duato, Luz Casal, Teresa Perales ou Luis Tosar compoñen o programa fan tanxible que esta é unha provincia rica e creativa. Pon de manifesto que creatividade non falta na Deputación de Lugo”.

Gabou o alto nivel dos finalistas desta edición, un feito que evidencia que “España é un país rico en iniciativas diversas, con posibilidades e con patróns culturais e turísticos que buscan a resposta da xente nova”. Nas súas palabras valorou “que todos os proxectos atinan en buscar fórmulas para afrontar un mundo que precisa de respostas sostibles, inclusivas, alternativas para a vida cotiá, porque, se algo é importante é saber que as nosas respostas non poden esquecer que teñen que estar pensadas por e para as persoas”, aseverou.

Tamén puxo o foco na idoneidade de mesturar no programa propostas e reflexións locais coa visión global porque “non sempre é fácil saber como responder aos grandes desafíos coas ferramentas locais, vémolo con desafíos como a perda de biodiversidade, a calidade de vida nas cidades, a procura de alternativas enerxéticas, que mesmo poden ter respostas que se inspiran nas solucións que achega o mundo local”. “A ciencia e tecnoloxía é innovación, pero innovación tamén é a innovación social, por iso creo que este programa merece o recoñecemento por parte de todos, pero tamén do Goberno da nación e de min mesma”, subliñou.

Sinatura no Libro de Ouro

A Ministra foi recibida no despacho do Presidente da Deputación e logo asinou no Libro de Ouro da institución, onde amosou a gratitude que para ela supón estar na sede da institución. Tamén puxo de manifesto a riqueza medioambiental que atesoura a provincia de Lugo. Lembrou e puxo en valor a valiosa biodiversidade das catro Reservas da Biosfera coas que conta o territorio lucense e recoñeceu o importante papel que desempeña a institución provincial á fronte de dúas delas –Terras do Miño e Os Ancares Lucenses- como xestora. 

O Fórum

Como gañadora da Copa de España Creativa na pasada edición por un proxecto de recuperación de soutos nos Ancares, a Deputación é anfitrioa deste evento -o VIII Foro das Cidades e Territorios Creativos de España-, que se celebrará baixo a temática Turismo, Creatividade e Innovación para o Desenvolvemento Sostible e do que sairá o gañador do certame deste ano 2022. A Copa de España Creativa recoñece as iniciativas máis creativas e innovadoras para o desenvolvemento sostible do territorio e está aberto a autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións de todo o país.

Lugo acolle a xornada de hoxe do foro, que se trasladará mañá á Ribeira Sacra e o sábado á Mariña. Inclúe presentacións dos proxectos que concorren ao galardón, foros con expertos de primeiro nivel a nivel galego e nacional e visitas a recursos patrimoniais da provincia. O proxecto gañador darase a coñecer nunha gala o sábado no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), onde terá peso o xurado experto presidido pola deportista Teresa Perales e o voto popular, que se atopa aberto de maneira online.

Inauguración Fórum Lugo