Deputación de Lugo

Escolares de Portomarín visitan o Pazo de San Marcos

VISITAS ESCOLARES

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, recibiu esta mañá no Pazo de San Marcos a alumnos e alumnas de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe Virxe da Luz de Portomarín, nunha visita organizada polo centro educativo coa colaboración da Deputación co obxectivo de que os escolares coñezan desde dentro o funcionamento das institucións públicas para que poidan completar a formación que están a estudar nas aulas sobre esta materia.

García Porto deulles a benvida no Salón de Actos da institución provincial onde os nenos e nenas, acompañados polos seus docentes, recibiron como agasallo unha mochila cada un, cunha edición do libro Coloreando a provincia de Lugo, e unha postal coa emblemática igrexa de San Nicolás de Portomarín, incluída dentro dos itinerarios da Ruta Transrománica Europea da que forma parte a Deputación.

Trala recepción, os escolares percorreron as instalacións do Pazo provincial e os distintos departamentos provincias onde coñeceron en detalle o labor que se realiza na administración provincial.