Deputación de Lugo

O Presidente destaca que os galardoados nos premios de COGAVE “representan o mellor do que somos”

José Tomé Roca destacou no acto de entrega dos galardóns organizados pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais o compromiso firme da Deputación co movemento veciñal pois “colaboramos dun xeito continuado e escoitamos sempre as súas propostas, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este sábado no restaurante Manuel Manuel de Lugo na entrega dos premios Crer no Movemento Veciñal organizados pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (COGAVE). 

No acto, ao que asistiron autoridades e representantes institucionais e do tecido asociativo, empresarial e social de toda Galicia, José Tomé subliñou que as persoas e institución galardoadas, representantes da política e das administracións, de ONGs e entidades sociais, do deporte, da xustiza e da sanidade, “representan o mellor do que somos, e o seu labor mostra o camiño do que queremos que sexa a sociedade galega. Un camiño de emprendemento, de boa xestión, de solidariedade e de valores. En definitiva, de coidar e de preocuparnos os uns dos outros, como fan os bos veciños”.

“Dende a Deputación de Lugo cremos firmemente no movemento veciñal, pois colaboramos dun xeito continuado e escoitamos sempre as súas propostas, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”, sinalou o mandatario provincial, quen destacou que se trata dunha das “bases esenciais” da democracia. “Contar cun movemento veciñal dinámico e reivindicativo é un dos mellores síntomas da boa saúde do tecido social”, asegurou.

Nesta edición foron premiados o xefe de Cardioloxía do HULA, Carlos González Juanatey, e o presidente do CD Lugo, Tino Saqués Pereira, pola provincia de Lugo. Tamén se galardoou á Alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, Natalia Prieto Viso; o Alcalde de Arbo, Horacio Gil Expósito; o político e activista ferrolano Rafael Pillado; o presidente da Autoridad Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, e ao que fora Fiscal Superior de Galicia entre 2004 e 2015, Carlos Varela García. Os restantes recoñecementos recaeron no Comedor Social de Cáritas Diocesana de Ourense, a Asociación Diabética Auria, a Fundación Meniños, Protección Civil de Ferrol e a Federación Gallega de Hermandad de Donantes de Sangre. 

O obxectivo de COGAVE con estes galardóns é recoñecer o labor de persoas e entidades que promoven os valores do movemento veciñal.