Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación de Lugo cede o testemuño da Copa de España Creativa á Junta de Extremadura

Forum Lugo 2022
Copa España Creativa
O Presidente da institución provincial entregoulle o galardón polo seu proxecto gañador Extremadura, buenas noches durante a gala que puxo o broche de ouro ao Fórum Lugo 2022, celebrada na noite deste sábado no MIHL

“Foi un orgullo acoller este encontro, que converteu a nosa provincia nun epicentro de debate, exposición e intercambio de experiencias innovadoras para o tan necesario desenvolvemento equilibrado e sostible do noso territorio, sobre todo do rural”, afirmou José Tomé Roca

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, entregou este sábado a Copa de España Creativa á Junta de Extremadura, logo de proclamarse gañadora do certame co seu proxecto Extremadura, buenas noches no Fórum Lugo 2022 que acolleu a provincia durante os últimos tres días. Un galardón que entregou xunto á presidenta de España Creativa, Belén Elisa Díaz, nun acto no que tamén estivo presente a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. 

O proxecto gañador é unha iniciativa que aposta polo turismo sostible e familiar que consiste na organización de experiencias para observar o ceo nocturno da rexión e desfrutar da natureza cando cae a noite. A Junta de Extremadura aposta por un turismo responsable contra a contaminación luminosa e contra a despoboación rural, que quere espertar a curiosidade pola astronomía, a ciencia e o coñecemento fusionando historia como innovación para sentir emocións e experiencias únicas.

A gala que puxo o broche de ouro ao Fórum Lugo 2022 celebrouse no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) contando coa participación dos 18 proxectos finalistas deste concurso, que emanan de entidades, administracións e empresas de todo o país para impulsar o desenvolvemento sostible a través da creatividade e a innovación.

O Presidente da Deputación felicitou aos premiados e amosouse agradecido e orgulloso de que a provincia de Lugo fose o escenario desta encontro, grazas á vitoria que logrou a institución provincial na pasada edición co proxecto de recuperación de soutos de castaño na Reserva da Biosfera de Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. “Este certame amosa que o noso país está cheo de ideas, de proxectos, de novas miradas de ver o mundo para facelo mellor, que o que precisan é apoio, recoñecemento e proxección, como a que supón esta Copa de España Creativa”, dixo.

“Foi un orgullo telos aquí, acoller este encontro, que converteu a nosa provincia nun epicentro de debate, exposición e intercambio de experiencias innovadoras para o tan necesario desenvolvemento equilibrado e sostible do noso territorio, sobre todo do rural”, afirmou. A respecto disto, puxo o foco en que “o rural é un espazo clave sobre o que se atopan algúns dos desafíos máis importantes do noso tempo, como o cambio climático, o reto demográfico ou a conservación do medio ambiente. Ningún destes retos se pode abordar con éxito sen contar co rural, sen garantir a súa supervivencia a través de modelos de desenvolvemento sostible”, afirmou. “Se nos resignamos ao deserto demográfico, será imposible frear a chegada do deserto xeográfico”, manifestou.

Neste sentido, o Presidente subliñou que na Deputación “traballamos cada día, con políticas e con medidas concretas, para achegar solucións aos grandes retos do rural para favorecer a igualdade de oportunidades, a cohesión social e territorial, achegando servizos públicos á xente e apoiando ao tecido produtivo para crear e manter o emprego”. Así mesmo, explicou que “estas e non outras, son as claves para o futuro do noso rural: servizos públicos e emprego”. 

Presencia de Teresa Perales, Olga Novo e Nacho Duato

Na gala celebrada na noite deste sábado no MIHL, España Creativa tamén deu a benvida aos novos socios e socias que entran a formar parte da Red Recitcrea coa entrega dunha medalla. Teresa Perales, a deportista paralímpica máis condecorada da historia e Premio Princesa de Asturias dos Deportes; Olga Novo, Premio Nacional de Poesía; e Nacho Duato, coreógrafo e director do ballet do Teatro Mikhailovski de San Petesburgo, recolleron o recoñecemento en persoa, mentres que o actor lucense Luis Tosar e a cantante Luz Casal non puideron acudir á gala e proxectouse o vídeo de agradecemento que enviaron.

A Mariña, escenario da terceira xornada do Fórum Lugo

O Fórum Lugo 2022 tivo como escenario este sábado a comarca da Mariña, onde o Cenima, en Foz, acolleu as últimas presentacións das candidaturas finalistas. Alí foron recibidos polo Alcalde da localidade, Francisco Cajoto, e a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, e Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez. Logo desprazáronse ata Viveiro, onde Teresa Perales ofreceu unha conferencia na Casa do Concello xunto a Suso López, produtor de Gaita Filmes. Os participantes e finalistas do Fórum Lugo xantaron en Pol e coñeceron en primeira persoa o modelo de centros de atención a maiores da Deputación de Lugo facendo unha visita á residencia da localidade.