Deputación de Lugo

A Deputación apoia á Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo na organización dos Premios Son Muller

premios
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou na presentación destes premios que, por quinto ano consecutivo, “recoñecen o talento, a innovación e o traballo das mulleres empresarias e emprendedoras da nosa provincia”, algo fundamental “para seguir avanzando na igualdade”

O prazo para presentar candidaturas estará aberto dende hoxe e ata o 11 de decembro. As bases e toda información sobre os premios están dispoñibles en www.empresariaslugo.org

Estes recoñecementos divídense en tres categorías: Son emprendedora, Son empresaria, e Son empresaria rural, e entregaranse nunha gala o vindeiro 16 de decembro, no MIHL

A Deputación de Lugo colabora un ano máis coa Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU) na organización dos premios Son Muller, que, por quinta edición consecutiva, “recoñecen o talento, a innovación e o traballo das mulleres empresarias e emprendedoras da provincia de Lugo, algo fundamental para seguir avanzando en igualdade, sobre todo no rural”, tal e como recalcou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, durante a presentación do certame que tivo lugar este luns no CEI Nodus. 

A institución provincial achega 3.500€ para a celebración destes galardóns, que se entregarán nunha gala o vindeiro 16 de decembro no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

García Porto felicitou a AELU “por seguir consolidando” os premios Son Muller, e destacou a “relación tan produtiva” que mantén a Deputación con este colectivo, grazas á que está en marcha, por exemplo, o programa Feminino Rural, “que levamos por todas as comarcas da nosa provincia para dotar ás mulleres do rural de novas ferramentas coas que desenvolver e mellorar o seu propio proxecto de futuro, tanto a emprendedoras, como autónomas ou as que estean montando unha pequena empresa” manifestou. En definitiva, un proxecto “pensado para escoitar inquietudes, problemas que poidan estar tendo as empresarias que teñan un negocio e axudarlles a resolvelo; e para escoitar ideas das emprendedoras e axudarlles a convertelas en realidade, a través dun acompañamento individualizado e completamente gratuíto”.

Neste sentido, subliñou que “o mellor xeito de competir no mercado e de avanzar na igualdade pasa por fomentar a colaboración entre o tecido produtivo, a Administración e as mulleres do noso rural.

No acto de presentación dos quintos premios Son Muller tamén estiveron presentes a Concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego e Deputada de Ensino, Formación e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, a presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Beatriz Varela Regueira, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a responsable da Zona de Lugo de ABANCA, Zaira Dapena Castro. 

Categorías e premios

Os premios Son Muller constan de tres categorías: Son emprendedora; Son empresaria; e Son empresaria rural. O primeiro premio de cada categoría consistirá en 1.000€ en metálico, e o segundo en 500€. En ambos casos, as galardoadas obterán un ano de cota gratuíta como asociadas da Asociación de Mulleres Empresarias. Ademais, recibirán un xogo de artesanía en cerámica, Matrioskiñas Galegas, elaborado e deseñado por unha artesá lucense exclusivamente para estes premios.

Haberá tamén un recoñecemento especial a unha empresaria lucense de recoñecido prestixio, pioneira no eido social e económico de Lugo. O xurado estará formado por representantes da xunta directiva de AELU, e personalidades de recoñecido prestixio, pertencentes a distintos ámbitos das administracións, a empresa e a sociedade lucense. 

Prazo de inscrición aberto ata o 11 decembro

A partir de hoxe e ata o vindeiro 11 de decembro estará aberto o prazo de inscrición para presentar as candidaturas a estes V Premios Son Muller. As bases e toda a información están dispoñible na páxina web www.empresariaslugo.org 

Poderán optar aos galardóns as emprendedoras e empresarias lucenses que teñan o seu domicilio social e fiscal como empresa na provincia, que estean dadas de alta como autónomas ou sexan parte dunha sociedade empresarial, así como que cumpran coas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.