Deputación de Lugo

Pablo Rivera inaugura en San Marcos a 33ª edición das xornadas Luís Asorey, coas que colabora a Deputación

Luis Asorey
ciclo luis asorey
O patrimonio natural e os servizos ecosistémicos como base da nova economía centran o ciclo de conferencias organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, que se celebrará no Salón de Actos do Pazo provincial ata o día 23 de novembro

O Deputado de Promoción Económica e Social subliñou o “acertado” da temática, pois o coidado do medio ambiente “pode e debe converterse nun elemento de desenvolvemento económico para o rural”, unha estratexia que, de feito, “aplica a Deputación, de maneira moi evidente na xestión das reservas da biosfera”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, inaugurou este luns a 33ª edición das xornadas Luís Asorey, que organiza a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) coa colaboración da Deputación de Lugo e o Campus Terra. O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá polas tardes, de 19.00 a 21.00 horas, ata o vindeiro día 23 de novembro este ciclo de xornadas, que este ano se centran no patrimonio natural e os servizos ecosistémicos como base da nova economía.

Rivera Capón abriu o foro xunto ao presidente da Academia Galega de Ciencia, Juan Manuel Lema Rodicio, e o Catedrático Antonio Rigueiro, coordinador das xornadas.

O Deputado de Promoción Económica e Social cualificou como “un acerto” a temática deste ano e sinalou que se trata “dun exemplo de como avanzamos na comprensión e na integración do que significan hoxe as políticas medioambientais”. Defendeu o Deputado que “o coidado do medio ambiente pode e debe converterse nun elemento de desenvolvemento económico para os entornos rurais, buscando, por exemplo, a modernización do sector primario ou xerando sinerxías cun deseño de turismo intelixente que valora o coidado ambiental como un incentivo”.

Esta estratexia, subliñou, “é a que aplicamos na Deputación de Lugo, de maneira moi evidente na xestión das Reservas da Biosfera de Terras do Miño e dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá”. Un modelo, destacou, “que está dando froitos concretos, como por exemplo, a captación de novos fondos da Unión Europea por importe de un millón de euros para seguir impulsando este territorios”.
Lembrou Pablo Rivera que outro dos éxitos recentes destas políticas foi a Copa de España Creativa, un certame de ámbito nacional que recoñece proxectos innovadores para o desenvolvemento sostible e que o ano pasado gañou a Deputación cunha iniciativa de recuperación de soutos de castaños na Reserva dos Ancares, o que permitiu a Lugo ser sede do encontro Fórum Lugo 2022 a pasada semana.

Tamén recordou o Life in common Land, un proxecto liderado pola Deputación co financiamento de Europa que, coa colaboración das Universidades de Santiago e A Coruña, implica ás comunidades locais para favorecer a conservación de hábitats prioritarios, únicos na Europa continental, e o aproveitamento sostible da riqueza da Serra do Xistral, que forma parte da Rede Natura 2000 e da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

Pablo Rivera Capón recalcou que o medio ambiente da provincia de Lugo “constitúe unha reserva de capital natural e de biodiversidade inmensa, que temos que atesourar e coidar”, polo que, expuxo, é preciso, entre outras medidas, que o Plan de Prevención e Defensa dos Incendios Forestais (PLADIGA) se aprobe en tempo e forma, así como cambiar o modelo “para que poña o acento na prevención dos lumes, para evitar vernos sobrepasados cando chega o momento da extinción, xa que as novas condicións climáticas con veráns máis secos, con máis temperatura e moito vento, fan cada vez máis difícil controlar os lumes”.

“Estas son unhas xornadas de primeiro nivel académico e profesional. Galicia leva moitos anos levando ese enfoque ao coidado do medio ambiente. Espero que algún día contemos cun modelo e cuns servizos de protección e prevención de lumes que estean deseñados co mesmo criterio por quen ten a competencia de facelo”, argumentou o Deputado.


Programación

Luns, 14 de novembro
A Catedrática do departamento de Fundamentos de Análise Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e académica numeraria da RAGC María Loureiro ofrecerá a ponencia Restaurando o capital natural: lumes e accións postincendios.

Martes, 15 de novembro
Valoración económica das externalidades da Rede Natura en Galicia será a cargo do científico titular do Instituto de Investigacións Mariñas Mario Soliño Millán.

Mércores, 16 de novembro
A nova PAC e os pagos por servizos ambientais en Galicia estará a cargo do profesor titular do departamento de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, Edelmiro López Iglesias.

Xoves, 17 de novembro
O Catedrático de Enxeñaría e Xestión Forestal e Ambiental da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Montes, Forestal e do Medio Ambiente da Universidade Politécnica de Madrid Luis Díaz Balteiro abordará A manipulación das externalidades.

Luns, 21 de novembro
Mesa redonda O valor dos servizos ecosistémicos, moderada por Antonio Rigueiro e coa participación da Directora Xeral de Desenvolvemento Rural e AGADER, Inés Santé Riveira, que falará do Valor da paisaxe; o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans del Valle, que analizará a Compensación por CO2; e o profesor doutor de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enseñería de Lugo Emilio Díaz Varela, que abordará O Valor da biodiversidade.

Martes, 22 de novembro
A Catedrática do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo Raquel Mosquera Losada falará sobre os Servizos ecosistémicos nos sistemas agroforestais.

Mércores, 23 de novembro
O Catedrático Antonio Rigueiro impartirá a conferencia Árbores senlleiras de Galicia: un patrimonio natural valioso.