Deputación de Lugo
Formación

O Presidente asina co Reitor da USC a cesión gratuíta da Deputación á Universidade dos terreos necesarios para a nova Facultade de Formación do Profesorado

USC
José Tomé Roca subliñou que o acordo abre “un novo capítulo na historia do Campus de Lugo e da provincia porque a ampliación e a mellora de equipamentos destinados á educación pública repercute nun novo impulso do desenvolvemento social e económico do noso territorio”

Antonio López explicou que na situación actual “non había solución axeitada para as necesidades deste centro e que esta nova superficie servirá para construír un espazo para a educación física que poderá desfrutar toda a comunidade universitaria e a cidade”

As fincas, cunha superficie de 7.500 metros cadrados, e situadas detrás da Facultade de Humanidades, cédense ata o ano 2058

A institución provincial ten cedidos outros 200.000 metros cadrados á USC para facultades, centros de investigación e outros servizos educativos en Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes co Reitor da USC, Antonio López, a cesión gratuíta da institución provincial á Universidade dos terreos necesarios para construír no Campus Terra a nova Facultade de Formación do Profesorado.

O acto tivo lugar no aparcamento da Facultade de Humanidades, xusto ao pé da parcela de 7.500 metros cadrados que servirá para a construción destas novas instalacións educativas; e participaron tamén a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; e o Vicerreitor de Organización Académica do Campus Terra, Francisco Fraga.

“Abrimos un novo capítulo na historia do Campus de Lugo, e tamén na historia da provincia”, sinalou o Presidente, que destacou que a institución provincial cede este espazo no convencemento de que “a ampliación e a mellora dos equipamentos destinados á educación pública repercuten, sempre, nun novo impulso do desenvolvemento social e económico do noso territorio e do conxunto de Galicia”.

Tomé Roca puxo en valor que con este acordo, a Deputación e a Universidade de Santiago de Compostela “marcamos un novo fito na nosa extraordinaria relación de colaboración, sempre guiada por criterios de utilidade e de servizo público”. Neste sentido, o mandatario provincial lembrou que a Deputación de Lugo é a institución provincial de toda España que aporta máis recursos económicos á Universidade pública, aínda que o apoio "vai moito máis alá" porque “tratamos de estar sempre cando a Universidade nos necesita”.

Enumerou o Presidente os diferentes proxectos impulsados de forma conxunta pola Deputación e a USC, como a Granxa Experimental de Leite das instalacións provinciais da Granxa Gayoso Castro, “o único centro destas características no que está implicada unha Universidade en España”, o Life in Common Land, un proxecto europeo para o  aproveitamento sostible da Serra do Xistral; ou o acordo para que o alumnado de calquera facultade poida facer prácticas na institución provincial.

En palabras de José Tomé, “apostar pola educación pública é, sempre, apostar polo futuro, máis se cabe cando a aposta se centra na formación do profesorado. Os profesores e profesoras, en calquera nivel educativo, son a primeira peza que constrúe o gran edificio do coñecemento. Son eles e elas os que forman aos nenos, os que lle transmiten coñecementos e valores, e son eles, nas etapas superiores, os que xunto coa formación superior, desenvolven programas de investigación e de transferencia do coñecemento das aulas e dos laboratorios ao conxunto da sociedade”.

O Presidente valorou que “as mellores sociedades, as máis intelixentes, constrúen o seu futuro da man da Universidade e do profesorado, dándolle medios materiais e recoñecendo o seu labor”, e lamentou que “na nosa provincia vemos a miúdo como se pechan escolas, como se reduce o profesorado ou como se recortan especialidades educativas no rural, como se alguén quixese abrir unha fenda educativa entre o rural e o urbano máis propia do século XIX que do noso tempo”.

Concluíu Tomé Roca que “con este acordo que asinamos hoxe, dende a Deputación de Lugo sumamos novos esforzos, que seguiremos sumando na medida das nosas posibilidades, para fortalecer a educación pública, para mellorala e para achegala á cidadanía, porque se trata dunha ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades, e para un desenvolvemento social e económico xusto, sostible e equilibrado”.

Cesión de 200.000 metros cadrados

Lembrou o Presidente que a concesión demanial gratuíta ata o ano 2058 destes terreos que conforman 16 parcelas cunha superficie total de case 7.500 metros cadrados a favor da USC para ampliar o Campus Terra se enmarcan na renovación da cesión por parte da institución provincial doutras 8 parcelas cunha superficie conxunta de 200.570 metros cadrados, que ocupan facultades, centros de investigación e outros servizos educativos do Campus. 


Un espazo para a Educación Física

Pola súa banda, o Reitor, que agradeceu "a colaboración constante e continua da Deputación", explicou que este novo proxecto forma parte do Plan de Infraestruturas da Universidade. “Era convinte buscar unha nova situación para a Facultade de Formación do Profesorado porque no espazo no que está, que é un espazo moi céntrico da cidade, non había unha solución axeitada ás súas necesidades”, sinalou Antonio López. Segundo anunciou, a parcela servirá para “construír aquí un espazo para a educación física ligada á Facultade de Formación do Profesorado, pero un espazo tamén para toda a comunidade universitaria e de toda a cidade”. 

Antonio López concluíu que con esta sinatura “damos un paso máis na aposta decidida por este campus” e valorou positivamente o incremento de alumnos de primeira matriculación dos últimos 4 anos, que cifrou nun 40%.