Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación expón o seu modelo de turismo sostible nun seminario sobre termalismo organizado polo Eixo Atlántico

lugo termal
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou no I Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito do Termalismo celebrado na cidade portuguesa de Vizela coa presenza de representantes dunha vintena de municipios con termas de Galicia e do norte de Portugal

 

A Deputación de Lugo foi este mércores protagonista no I Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito do Termalismo organizado polo Eixo Atlántico polo seu modelo de turismo sostible. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou no foro celebrado na cidade portuguesa de Vizela (Braga), onde puxo en valor o auxe do turismo termal “non só ligado á saúde, como era inicialmente, senón tamén ao benestar e o turismo ‘slow’ e de experiencias que agora está de moda”.

Na cita, na que participaron unha vintena de representantes dos diferentes municipios de Galicia e do norte de Portugal que contan con termas, Rivera Capón enxalzou Vizela, 
 “unha vila termal recoñecida dende o século XVIII, con balneario establecido dende 1785” e aproveitou para expoñer a estratexia de turismo da Deputación, que aposta por “un turismo de calidade e sostible, de experiencias, que pon en valor o patrimonio material e inmaterial, e que xera riqueza e novas oportunidades de emprego, sobre todo no rural”.

Destacou Pablo Rivera que “Galicia é a segunda maior rexión termal de toda Europa e a provincia de Lugo conta desde a época romana cunha longa tradición termal pola calidade das súas augas mineiromedicinais”. Animou aos presentes a aproveitar ese potencial e patrimonio porque, dixo, “o turismo termal favorece a chegada de turistas durante todo o ano, pois é unha alternativa idónea en días con climatoloxía adversa”, que  “combina ocio, saúde e benestar”. 

Explicou que hai máis dunha década que a Deputación de Lugo desenvolve o programa Lugo Termal ofrecendo máis de 1.000 prazas cada ano con descontos en tres balnearios da provincia –As Termas de Lugo, Augas Santas de Pantón e Río Pambre de Palas de Rei- para persoas de máis 50 anos da provincia. Rivera Capón avanzou que a finais deste mes de novembro abrirase a solicitude do programa deste ano.

No programa Lugo Termal ofértanse dúas modalidades: con estancia, onde os paquetes con descontos económicos consisten en 6 días e 5 noites, pensión completa, 1 recoñecemento médico e de 15 a 20 técnicas termais e actividades socioculturais; e sen pernocta, que inclúe de 30 a 40 técnicas termais durante 10 días -3 ao día-, e un recoñecemento médico. 

SIE Termalismo