Deputación de Lugo
Emprego

A Deputación ofrece unha xornada para favorecer a inserción laboral aportando criterios para axustar mellor a oferta e a demanda

Emprego
O Presidente, José Tomé Roca, inaugurou a I Xornada de Emprego da Provincia de Lugo, que reuniu no Salón de Actos a preto de cen persoas, entre mozos e mozas, traballadores, persoas en situación de desemprego e representantes de empresas punteiras lucenses

A conferencia Como triunfar neste mercado laboral, a cargo de Alfonso Alcántara, psicólogo e especialista en motivación para empresas, profesionais e traballadores, abriu o encontro, no que participaron Cafés Candelas, Leite Río, Innogando, Transportes
Valín e Hijos, Arenal, ESTATI.CO e INSITU, ademais da CEL

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a I Xornada de Emprego da Provincia de Lugo, un encontro organizado pola institución provincial en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, co obxectivo de favorecer a inserción laboral aportando criterios para axustar mellor a oferta e a demanda.

Para elo, o encontro pon en contacto ao longo de toda a mañá a mozos e mozas da provincia, traballadores e persoas en situación de desemprego con representantes de compañías lucenses punteiras como Cafés Candelas, Leite Río, Innogando, Transportes Valín e Hijos, Arenal, ESTATI.CO e INSITU. A xornada, de acceso libre e gratuíto, contou coa participación de preto de cen persoas.

No acto inaugural, José Tomé destacou que este foro, como todas as accións e medidas da Deputación, “pretende sobre todo ser útil”. Para iso, “partiremos dunha análise certeira da realidade do emprego na provincia de Lugo para achegar respostas, ideas ou estratexias concretas que se poidan aplicar na realidade”, e aportar así dixo, “criterios para axustar mellor a oferta e a demanda laboral”.

O Presidente explicou que esta nova iniciativa da Deputación forma parte do importante investimento en políticas de emprego” que fai a institución, “dentro da liña de cooperación cos sectores produtivos, que constitúe un dos eixos do noso proxecto para a provincia”. Unhas políticas “que actúan en contornas concretos, adaptándose ás necesidades de cada un deles”. José Tomé puxo como exemplo programas que a institución ten en marcha, como Feminino Rural, de apoio e asesoramento gratuítos a mulleres empresarias e emprendedoras do rural; Reiníciate, para favorecer a inserción laboral da mocidade e dos parados de longa duración; ou o proxecto Acelera PEMEs, que en breve lanzará a institución para “fortalecer e diversificar a actividade das pequenas e medianas empresas, sobre todo do rural, coa transformación dixital”, afirmou.

Lembrou ademais que a Deputación conta cun servizo provincial de emprego a través da Axencia de Colocación;  e co Punto de Atención ó Emprendemento, unha oficina que ofrece información e axiliza trámites para abrir un negocio.

O Presidente avanzou que a institución continuará impulsando iniciativas para o fomento do emprego, porque “é a mellor das políticas sociais, e tamén resulta imprescindible se queremos manter vivo o rural e fixar poboación”.

Punto de encontro

A conferencia, Cómo triunfar neste mercado laboral. ¿Qué detestan as empresas? ¿Qué detestan os desempregados?, a cargo de Alfonso Alcántara, psicólogo e especialista en motivación para empresas, profesionais e traballadores, abriu a xornada, que inclúe seguidamente dúas mesas de debate. A primeira, baixo o título Hai traballo na provincia de Lugo, contará, cos responsables de recursos humanos de Cafés Candelas e Arenal, Irene Rodríguez e Óscar López, respectivamente; o xerente de Transportes Valín e Hijos, Pablo Valín; e a responsable de Relacións Institucionais de Leite Río, María Luz López. 

Lugar de oportunidades, a provincia de Lugo é o nome do segundo intercambio de pareceres, un encontro no que participarán Elio López, o CEO de Innogando; Juan Pedro Granados, responsable de márketing e estratexia dixital de clientes de ESTATI.CO; Ramón Martínez, xerente de INSITU, e Lourdes Pardo, da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL). En ambas mesas, participarán dous traballadores e dous desempregados.

A cita de emprego conta tamén coa participación da Escola de Organización Industrial (EOI) coa que a institución provincial ten en marcha diferentes iniciativas de cara a impulsar o emprego e o desenvolvemento económico da provincia de Lugo.

Durante a xornada, as persoas interesadas en atopar traballo poden deixar o seu currículo na Axencia de Colocación da Deputación de Lugo, con sede no Pazo de San Marcos, e aquelas con vontade de emprender poden solicitar cita para asesoramento no Punto de Atención ao Emprendedor (PAE) situado tamén na sede da institución provincial.

Na clausura desta primeira Xornada de Emprego da Provincia de Lugo, que terá lugar, ás 14:00 horas, participará o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e xefa de servizo de Emprego da Deputación, Julia Vázquez Silvarrey