A xornalista Ana Bernal-Triviño e a Oficial da Policía Nacional Elena Cruz Aguilar, protagonistas na II xornada Quéremonos Vivas, Libres e Iguais da Deputación
O Pazo de San Marcos acolle mañá mércores a II xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, o primeiro dos actos que organiza a Deputación de Lugo con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A xornalista Ana Bernal-Triviño e a Oficial da Policía Nacional Elena Cruz Aguilar serán as protagonistas desta iniciativa que lanzou o ano pasado a institución provincial co obxectivo de dar visibilidade á lacra da violencia machista e combatela entre o conxunto da sociedade da provincia.
O coloquio terá lugar ás 19:30 horas no Salón de Actos e estará moderado pola Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, quen puxo en valor esta cita “polo debate e a reflexión que xera na sociedade lucense”. “Na loita en favor da igualdade real entre homes e mulleres queda aínda moito por facer e todos e todas temos a obriga de sumar esforzos. Nós como institución somos un altofalante importante e non debemos desaproveitalo”.
Loureiro destacou precisamente que esta campaña da Deputación para o 25N enmárcase na acción do Goberno en favor da loita pola igualdade a través de políticas transversais.
As poñentes
Xornalista, investigadora, doutora e profesora na Universitat Oberta de Catalunya, Ana Bernal-Triviño intervirá nesta xornada cunha ponencia sobre Bulos e desinformación: a desigualdade no periodismo. As súas áreas de investigación inclúen os entornos dixitais e tecnoloxías, redes sociais, información xornalística dirixida á mocidade, a transversalidade da perspectiva de xénero, os dereitos das mulleres e a violencia de xénero. Ten diferentes recoñecementos, como o Premio La Buena Prensa, o Emilio Castelar á defensa das liberdades e o progreso, ou unha mención especial de medios de comunicación do Instituto de Dereitos Humanos de Cataluña.
Elena Cruz Aguilar é Oficial da Policía Nacional e traballa na Unidade de Atención á Familia e a Muller (UFAM) na Comisaría de Lugo. Leva preto dunha década traballando na loita contra a violencia de xénero, a violencia doméstica, a violencia sexual e casos de bullying.
O programa
O xoves, 24 de novembro, proxectarase ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o documental No se Oye, realizado polo estudantado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación. O venres, 25 de novembro, terá lugar a sexta edición da andaina reivindicativa En Camiño contra as Violencias, que sairá ás 12 horas na Praza de San Marcos e rematará no Centro de Formación Audiovisual da Deputación.