A Deputación impulsa en Taboada a segunda edición do mercado Petiscos de Nadal, organizada polos comerciantes
García Porto celebrou a boa acollida da primeira edición e destacou que “unha das principais liñas de actuación desta Deputación é o apoio ós sectores produtivos, sobre todo ós estratéxicos e os que contan cun gran potencial na nosa provincia”
A Deputación de Lugo apoia a celebración da segunda edición do mercado Petiscos de Nadal, organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais de Taboada o sábado 17 de decembro na praza de Riazón deste municipio da Ribeira Sacra. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este martes a iniciativa na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, onde destacou que “a boa acollida que acadou aquela primeira edición animounos a colaborar de novo dende a Deputación”.
No acto, a representante provincial estivo acompañada da presidenta da Asociación de Comerciantes taboadense, Tamara Castro; o Alcalde de Taboada, Ramiro Moure; o presidente Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas López; Antón Ledo, en representación da Vicepresidencia provincial; o Director Xeral de Caixa Rural, Jesús Antonio Méndez Álvarez Cedrón; o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo; e o coordinador do Mercado de Nadal, Iván Vázquez.
Este mercado que busca promocionar e poñer en valor os produtos e a gastronomía da Ribeira Sacra con todo tipo de expositores artesanais conta cunha achega da institución provincial de 6.000€. García Porto destacou que “desde o inicio do mandato, unha das principais liñas de actuación desta Deputación é o apoio ós sectores produtivos, sobre todo ós que son estratéxicos e que contan cun gran potencial na nosa provincia, como son o primario e o de servizos”.
A Deputada explicou que “a artesanía e a posta en valor dos produtos locais son un elemento a potenciar”. “Debemos manter e recuperar as tradicións, pero tamén achegar ó rural as novas tecnoloxías que permitan dar a coñecer eses produtos, e as infraestruturas viarias que permitan comercializalos”, destacou.
O programa
Ademais de artesanía, o evento contará con postos e actividades para todos os públicos e coincidirá no tempo co concurso de tapas de nadal na hostalaría de Taboada.
Venres, 16 de decembro
19:00 horas: Inicio do concurso de Tapas de Nadal na Hostalería de Taboada
20:00 horas: Proxección do documental El último de Arganeo, na Casa Cuartel
Sábado, 17 de decembro
12:00 horas: Apertura do mercado Petiscos de Nadal coa actuación de Rechouchíos
12:30 horas: Firma de Libros de Ana Vila Portomeñe, no posto da librería Arco Iris
13:00 horas: Actuación da Banda infantil A Gramola Gominola
16:30 horas: Demostración do Artesán Hussein Aali-Taleb Fernández, O Cunqueiro de Palas
16:30 horas: Espectáculo de maxia do Mago Deimi
17:15 horas: Obradoiro de maxia impartido polo Mago Deimi
19:00 horas: Peche de Petiscos de Nadal coa actuación de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre
19:00 horas: Concurso de Tapas de Nadal na hostalería de Taboada
Domingo, 18 de decembro
19:00 horas: Remate do concurso de Tapas de Nadal na hostalería de Taboada