Deputación de Lugo

O Presidente supervisa en Láncara investimentos da Deputación de Lugo por máis de 3M€

Láncara
José Tomé Roca
Pablo Rivera Capón
Visita Láncara 1
- José Tomé Roca, acompañado polo Alcalde lancarés, percorreu a rotonda de acceso á Pobra de San Xiao e diferentes rúas do núcleo municipal que se acondicionaron grazas á colaboración da institución provincial e que posibilitaron un “cambio tremendo”

- Visitaron ademais as instalacións municipais para comprobar diferentes actuacións desenvolvidas no marco do programa Impulsa TIC para a transformación dixital dos concellos co que a Deputación captou máis de 4M€ de fondos europeos

-  Asinaron un convenio de colaboración entre ambas entidades para mellorar camiños de acceso a lugares de montaña das parroquias de Santiago e Cedrón e tamén para a adquisición de maquinaria por un importe conxunto que supera os 140.000€

 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado polo Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro López, supervisou este venres diferentes investimentos que a institución provincial acometeu no municipio lancarés por máis de 3M€ desde o 2019, cando Tomé Roca chegou á Presidencia do organismo provincial. Na visita estiveron acompañados polo Deputado de Promoción Económica e Social e Tenente de Alcalde de Láncara, Pablo Rivera Capón, e concelleiros e concelleiras da localidade.

José Tomé Roca felicitou ao Alcalde pola súa visión de Láncara e o “cambio tremendo” que deu o municipio desde que regresou á Alcaldía. Subliñou que nos últimos 5 anos a Deputación de Lugo achegou a Láncara máis de 3M€ no marco do compromiso que a institución provincial ten cos 67 concellos da provincia. “Na medida das nosas posibilidades, temos que apoiar a todos os concellos, pero sobre todo aos máis pequenos, e esixir que nestes se presten os servizos públicos coa mesma calidade e universalidade que se fai nos máis grandes, porque os dereitos constitucionais dos cidadáns non poden variar ou diminuír en función do lugar de residencia”, apuntou.

Pola súa banda, o Alcalde agradeceu ao Presidente a súa lealdade institucional e a colaboración con todos os concellos da provincia, en especial cos máis pequenos e reclamou máis atención por parte da Xunta de Galicia.

As autoridades supervisaron as obras realizadas na rotonda de acceso ao núcleo da Pobra de San Xiao, a rúa Benigno Quiroga, a rúa das vivendas sociais e pararon tamén diante do mural de Diego AS; percorreron os traballos de acondicionamento realizados na rúa Alfonso Cela e na rúa Río Neira; e trasladáronse á Casa do Concello para asinar un novo convenio de colaboración entre ambas entidades por importe de 140.000€.

Este acordo, a través do que a institución provincial achegará a Láncara 110.000 euros, servirá para realizar melloras en varias estradas municipais e para adquirir un vehículo tipo SUV.

Concretamente, este investimento irá destinado ao acondicionamento de camiños municipais que dan acceso a lugares de montaña como Esfarrapa, Casablanca, O Furco e A Cortella, na parroquia de Santiago de Cedrón; e camiños de acceso a Bustelo, na parroquia de Vilouzán. Unhas actuacións que contemplan melloras do firme, que inclúen tarefas de limpeza e asfaltado. Tamén se adquirirá, con cargo a esta achega, un vehículo tipo SUV co obxectivo de reforzar servizos básicos e modernizar o parque móbil municipal.

Un concello máis áxil e resiliente grazas aos 85.000€ do Impulsa TIC


Aproveitaron a súa visita á Casa Consistorial para percorrer as instalacións municipais e comprobar as actuacións que se fixeron con cargo ao Programa Impulsa TIC para a transformación dixital dos concellos co que a Deputación captou máis de 4M€ de fondos europeos. Nese sentido, a Deputación de Lugo achegou a Láncara preto de 85.000€ para un total de 15 actuacións baseadas en mellorar a interoperabilidade, a crear unha administración máis resiliente coa automatización e dixitalización dos plenos e á mellora da súa transparencia.
 

Visita Láncara 2