Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Mónica Freire revisou o parque móbil do Concello de Barreiros,  renovado co apoio da Deputación de Lugo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Barreiros
Parque móbil
Mónica Freire
medio rural

O Concello de Barreiros acometeu nestes tres anos e medio a renovación da totalidade do seu parque móbil, cun investimento de preto de 300.000 euros dos que o 75% foi aportado pola Deputación de Lugo. A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade Mónica Freire visitou este mércores o consistorio barreirense para comprobar o estado dos vehículos que se foron adquirindo nestes tres últimos anos, nos que o goberno municipal fixo fronte á renovación total da flota de traballo.

Mónica Freire puxo en valor “o esforzo realizado polo goberno municipal na xestión dos cartos públicos para dotar ao persoal municipal de medios cos que desenvolver o seu traballo de xeito cómodo, seguro e eficiente.” Ao tempo, manifestou o seu convencemento de que “este tipo de xestión é fundamental para que os servizos públicos funcionen e, indirectamente, se poida mellorar a vida das veciñas e veciños.”

Durante a visita, na que estivo acompañada da alcaldesa, Ana Ermida, e do resto do goberno municipal, puido comprobar o uso que se lle está dando a todos os vehículos no traballo diario do persoal municipal. A alcaldesa explicou que no momento en que accederon ao goberno “o parque de vehículos non reunía unhas condicións mínimas para desenvolver o traballo, supoñendo un importante gasto en reparacións e a ineficacia dos servizos durante as abundantes avarías.” A rexedora sinalou que “o vehículo máis novo que había no 2019 tiña 20 anos.”

Nestes investimentos adquiríronse dous vehículos para o servizo de augas e un camión, con fondos do Plan Único Provincial, e unha furgoneta para obras e servizos e un tractor, con cargo a convenios coa área de Medio Rural. Estas adquisicións completáronse con un camión que presta os servizos de punto limpo móbil cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente e unha motobomba cedida polo Concello de Lugo.