Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Economía

O Presidente consegue un acordo co Ministerio de Inclusión para crear no Hospital de Castro un centro de refuxiados

castro de rei
ministerio de inclusión
refuxiados
Tomé Roca logrou sacar adiante este importante proxecto para a provincia ao recuperar para uso público cunhas instalacións e uns terreos de titularidade da institución provincial, que levaban en desuso máis dunha década

“A satisfacción hoxe é enorme e dobre, porque conseguimos recuperar para uso público estes terreos grazas á iniciativa e o apoio do Goberno do Estado, co que mantemos unha excelente relación, e facémolo cun proxecto de alto valor social, que prestará unha atención adecuada e inmediata”, subliñou

A institución provincial cede unha parcela de case 43.000 metros cadrados por 75 anos. O novo centro, que contará cun investimento do Ministerio de 12M€, terá capacidade para atender a 250 persoas e creará entre 20 e 25 postos de traballo directos e uns 45 indirectos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de conseguir un acordo co Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para crear no antigo Hospital de San Rafael de Castro de Rei un centro de acollida de protección internacional (CAPI). Para iso, a institución provincial cede a parcela de case 43.000 metros cadrados por 75 anos ao Goberno central para esta nova actividade social.  

Tomé Roca agradeceu ao Ministro a súa total disposición para sacar adiante este acordo “tan importante para a provincia”, pois permite recuperar para uso público unhas instalacións e uns terreos de titularidade da institución provincial, que levaban en desuso algo máis dunha década, dende que o servizo que prestaban como hospital psiquiátrico se trasladou a outro centro.

“Hoxe vemos cumprido un dos nosos obxectivos á fronte da Deputación, pois levamos tempo facendo contactos e xestións para tratar de recuperar e dar unha nova vida a unhas dotacións amplas, con moitas posibilidades, para ofrecer un servizo público, a ser posible, vinculado co ámbito das políticas sociais, que son unha das liñas de actuación prioritarias do noso Goberno provincial”, asegurou o mandatario provincial. 

Polo tanto, incidiu Tomé Roca, “a satisfacción hoxe, é enorme e dobre, porque conseguimos recuperar para uso público estes terreos públicos grazas á iniciativa e o apoio do Goberno do Estado, co que mantemos unha excelente relación, e facémolo cun proxecto de alto valor social, que prestará unha atención adecuada e inmediata a esas persoas que, desgraciadamente, teñen que saír dos seus países de orixe por unha situación de emerxencia”. 

O Ministro de Inclusión, José Luis Escrivá, transmitiulle ao Presidente o seu agradecemento pola colaboración para facer posible que Galicia e, en concreto este municipio, participe na integración das persoas solicitantes de protección internacional que acceden ao sistema de acollida. 

O Presidente provincial destacou así mesmo que este proxecto “contribuirá a xerar riqueza e emprego na nosa provincia, tanto coas propias obras de rehabilitación dos edificios e de creación de novos equipamentos, que levarán consigo un importante investimento económico, como co propio funcionamento do centro, o que nos axudará a combater outro dos nosos grandes retos, como é a despoboación do rural”. 

12M€ de investimento
As obras para a construción en Castro de Rei deste centro arrancarán o ano que vén, que levarán un investimento do Ministerio de 12 M€. Terá unha capacidade para 250 persoas nun recinto no que haberá espazos comúns, ademais do comedor, obradoiros e espazos deportivos deseñados polo Comité Olímpico Español (COE). 

A posta en marcha deste centro de atención a refuxiados xerará un importante impacto económico na zona, posto que se estima a creación de entre 20 e 25 postos de traballo directos, e uns 45 indirectos.