O Presidente da Deputación de Lugo destaca que Gómez Besteiro “contribuirá a reforzar aínda máis o peso que ten a provincia na acción do Goberno do Estado”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este luns á toma de posesión de José Ramón Gómez Besteiro como Delegado de Goberno en Galicia. “Hoxe é un día moi importante para a provincia, porque esta nova responsabilidade institucional de Gómez Besteiro contribuirá a reforzar aínda máis o peso que ten Lugo na axenda política e na acción do Goberno do Estado”, destacou José Tomé.
Na cita multitudinaria, que tivo lugar no Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña, participaron centos de persoas e acudiron tamén o Ministro de Sanidade e anterior responsable da Delegación, José Miñones, o Secretario de Estado de Política Territorial e o Presidente da Xunta, entre outras autoridades estatais e galegas.
Incidiu o mandatario provincial na importancia deste nomeamento “porque é a primeira vez que un lucense asume o cargo de Delegado do Goberno en Galicia, algo que sen dúbida reforzará o compromiso que xa está demostrando o Goberno central coa nosa provincia” con feitos, “como o investimento de 546M€ na modernización da liña de ferrocarril entre Lugo e Ourense, ou mesmo o acordo que anunciamos hoxe mesmo para converter o antigo Hospital de San Rafael nun centro de acollida de refuxiados cun investimento de 12M€”.
O Presidente da Deputacón, tamén Alcalde de Monforte e Secretario Xeral dos socialistas na provincia, desexoulle novamente a Besteiro “sorte e éxitos” na súa nova responsabilidade como Delegado do Goberno, e mostrouse convencido de que “coa súa gran capacidade e valía fará un excelente labor en defensa de todos os galegos e galegas”.