Deputación de Lugo
Turismo

García Porto visita en Vilalba a rodaxe do filme Tratamos demasiado bien a las mujeres, co que colabora a Deputación

cine
Vilalba
turismo
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, xunto á Alcaldesa, Elba Veleiro, estivo na casa habanera do Valado, en San Simón da Costa, un dos escenarios galegos da película, que, baixo a dirección da gañadora de catro Goyas Clara Bilbao, reúne a estrelas como Luis Tosar, Carmen Machi ou Antonio de la Torre

A institución achega 18.000€ á produción, na que traballa un equipo de 60 persoas, polo que supón “un importante impacto económico, ademais de proxectar á provincia como destino cinematográfico”, sinalou García Porto

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, xunto á Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, visitou na tarde deste mércores na escola habanera do Valado, en San Simón da Costa, o set de rodaxe da longametraxe española Tratamos demasiado bien a las mujeres. 

A institución provincial aporta 18.000€ a este proxecto audiovisual, producido pola galega Ficción Produciones, no que traballa cun equipo formado por 60 persoas, o que supón, sinalou García Porto, “un importante impacto económico, cunha incidencia moi positiva na hostalería e no comercio da zona, xa que este tipo de producións mobiliza un gran número de persoas que se aloxan e comen na zona”. 

Ademais, fixo fincapé a Deputada, “trátase dunha oportunidade excepcional para proxectar a provincia  como destino cinematográfico, potenciando a riqueza patrimonial e paisaxística coa que contamos a nivel nacional e internacional”.

Na visita institucional, a Deputada tivo a ocasión de coñecer á directora do filme Clara Bilbao, e ao equipo artístico da película, que conta cun reparto de luxo, entre o que se atopan, entre moitos outros, actores de renome do cine español como o lucense Luis Tosar, Carmen Machi ou Antonio de la Torre.

Unha comedia negra, ambientada nos 40

A longametraxe Tratamos demasiado bien a las mujeres, que se roda integramente en Galicia é a ópera prima de Clara Bilbao, gañadora de catro Premios Goya. A directora vasca levará á gran pantalla esta comedia negra ambientada na década dos anos 40, baseada no best seller francés On est toujours trop bon avec les femmes, de Raymond Queneau.