Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación organiza catro actividades no primeiro Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, en Taboada

Taboada
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo en funcións participou este venres na inauguración desta cita impulsada pola Asociación de Comerciantes e Industrias do Municipio de Taboada

A institución provincial colabora con esta iniciativa que permite levar a cabo tres encontros sobre o viño así como unha ruta na que se mesturan a cultura e o mundo vitivinícola

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo en funcións, Pilar García Porto, participou este venres na Casa da Cultura de Taboada na inauguración da primeira edición do Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, Raizames. A Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (Acimta) organiza esta cita que se celebra durante toda a fin de semana co apoio da Deputación de Lugo.

García Porto celebrou a importancia de que xurdan “iniciativas novas sobre os produtos de calidade que definen a gastronomía da nosa provincia”. “Arranca un programa ambicioso e cun enfoque transversal. Falar do viño é falar do noso sector primario, dun produto tradicional que na Ribeira Sacra acada un sistema de cultivo que se adapta ás condicións extremas dos bancais”, afirmou.

A institución provincial colabora con este proxecto a través da organización de catro actividades que permitirán descubrir o mundo vitivinícola aos asistentes. Os proxectos levados a cabo serán un encontro en cada unha das xornadas e un percorrido cultural do viño coas intervencións artísticas de Mallou Cantares da Terra, as bailarinas María Pichín e Ariadna Vázquez, a poeta Alba María e o narrador Francisco Romualdo.

Asegurou que a Deputación dará apoio a este tipo de iniciativas que poñen en valor a provincia e a Ribeira Sacra e “facémolo a través das rutas que dan a coñecer o noso territorio”. García Porto quixo sinalar que o viño é “cultura, música, contos e historias compartidas e transmitidas de xeración en xeración arredor dunha mesa”.

Así mesmo, desexou consolidar esta xornada como “unha festa da gastronomía e a cultura que anime cada vez a máis visitantes a achegarse a Taboada e á Ribeira Sacra” e explicou que apostar polo viño, polo turismo e pola cultura é o mellor xeito de apostar polo futuro do rural e da súa xente.

O programa

A continuación da inauguración celebrouse a primeira actividade desta proposta cultural, Os Garciáns da Ribeira Presente, na que participaron Acimta, Tamara Castro; Adegas da Memoria, con Xosé Gago e Xosé Castiñeira, e A verba viva, con Lorena Gallardo e Mercedes Vázquez. Tamén se celebrou unha cata guiada. As propostas continuarán o sábado, 10 de xuño.

Sábado, 10 de xuño

De 10:00h. a 13:30h.: Roteiro Canta arte se agocha nunha cunca de viño (saída da Praza de Riazón)

De 12:00h. a 16:00h.: Espazo Atmósfera Viño (Praza de Riazón)

14:00h.: Concerto de Sabela King and The Heatbreakers (Praza de Riazón)

17:30h.: Danza contemporánea Feminitude de Cali Danza Consciente (Praza Riazón)

18:30h.: Encontro O viño, unha historia de mulleres (Casa da Cultura)

De 19:00h. a 22:00h.: Espazo Atmósfera Viño (Praza de Riazón)

Domingo, 11 de xuño

11:00h.: Presentación do libro A nación dos mil viños (Casa da Cultura)

12:00h.: Encontro Espazo Adegas da D.O. Ribeira Sacra (Pazo San Pedro de Bembibre)

De 12:00h. a 16:00h.: Espazo Atmósfera Viño (Praza de Riazón)

13:00h.: O viño viaxa en barca. Contos de Anxo Moure para o público familiar (Praza de Riazón)

15:00h.: Brinde de feche do Encontro (Praza de Riazón)