A Deputación pon en valor en Santaballa o legado da emigración na Feira do Indiano
A Deputación de Lugo colabora coa Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa cunha achega de 4.000€ na celebración das XIII Xornadas sobre Migracións Indianas e a Feira do Indiano, que arrancaron este sábado e continuarán o 4 de novembro. A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, participou xunto á Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, nos actos de inauguración da cita, que comezou coa exposición Luces de Alen Mar e unha mesa redonda sobre As Escolas da Migración, moderada por Daniel Manuel Vázquez Vila e con música de David Vilares.
Morandeira puxo en valor este encontro que “visibiliza a importancia que tivo a migración no progreso cultural e económico de Santaballa" e destacou "o rico legado que deixou a emigración nestas terras vilalbesas”. Ademais do valor cultural e histórico, engadiu a Deputada, “este tipo de eventos contribúen a dinamizar o turismo e a economía, e favorece ademais o modelo de turismo sostible, de calidade e experiencias que impulsamos dende a Deputación”.