Deputación de Lugo
Formación
Turismo

O Presidente inaugura o I Simposio Internacional de Odontoloxía na Ribeira Sacra, que conta co apoio da Deputación

Simposio Internacional
colexio oficial odontólogos
Ribeira Sacra
José Tomé deu a benvida en Sober aos 200 profesionais que, entre hoxe e mañá, se dan cita neste encontro científico, coa participación de oito relatores de máximo nivel nacional e internacional

O mandatario provincial subliñou que a decisión de celebrar na Ribeira Sacra esta "cita de primeiro nivel" confirma que, "ao marxe do recoñecemento oficial, que chegará, é xa un enclave patrimonio da humanidade, cada vez máis apreciado dentro e fóra da provincia"

A institución colabora co Simposio, que inclúe unha viaxe en catamarán polos Canóns do Sil e a visita a varias adegas da zona con experiencias enolóxicas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres no acto de inauguración do I Simposio Internacional de Odontoloxía, que organizan na Ribeira Sacra os Ilustres Colexios de Odontoloxía e Estomatoloxía de Lugo, A Coruña, Pontevedra e Ourense en colaboración con Galimplant e Endogal. A cita, que se celebra entre hoxe e mañá, conta coa participación de oito relatores de máximo nivel nacional e internacional para abordar diferentes aspectos, tanto teóricos como clínicos en odontoloxía.

No acto inaugural, que tivo lugar no hotel Áurea Palacio de Sober, José Tomé deu a benvida aos 200 profesionais que reúne este encontro, moi especialmente referiuse "a aqueles que visitan por primeira vez este marabilloso lugar das xeografía galega que é a Ribeira Sacra. Como a min me gusta dicir, un anaco de paraíso no interior de Galicia".

O mandatario provincial agradeceu ás entidades organizadoras e ás empresas que colaboran neste evento "por ubicar unha cita de primeiro nivel na provincia de Lugo, no municipio de Sober". "Decisións coma esta confírmannos que, á marxe do recoñecemento oficial -que chegará sen dúbida-, a Ribeira Sacra, ademais de Reserva da Biosfera, é xa un enclave patrimonio da humanidade, cada vez máis apreciado e recoñecido dentro e fóra das fronteiras da nosa provincia", subliñou.

O Presidente sinalou que "esta cita é un encontro en torno á saúde e o coñecemento", e "desde a Deputación de Lugo colaboramos habitualmente cos colexios profesionais, garantes sempre da boa praxis nas súas respectivas disciplinas e ocupados por promover os avances e o mellor servizo, neste caso sanitario, ao conxunto da sociedade".

A institución provincial colabora co simposio, que inclúe actividades lúdicas, como unha viaxe en catamarán polos Canóns do Sil e a visita a varias adegas da zona con experiencias enolóxicas.

O Presidente destacou que coa ruta fluvial, os asistentes ao congreso "terán a oportunidade de coñecer de primeira man a aposta que estamos promovendo desde a institución provincial: un modelo turístico propio, non masificado, centrado na calidade e no respecto ao entorno", que nos converte nun destino preferente no conxunto do mapa de rutas turísticas españolas".

Ademais, os profesionais realizarán visitas a varias adegas da zona nas que desfrutarán de experiencias enolóxicas, e poñerán o colofón ao encontro cunha cea de confraternidade na que terán a ocasión de probar a rica e diversa gastronomía da zona. 

O tamén Alcalde de Monforte desexou aos presentes un proveitoso simposio e unha feliz estancia, e animounos a aproveitar a oportunidade para coñecer a capital da Ribeira Sacra e os grandes atractivos turísticos que ofrece. “Agardo que as impresionantes paisaxes dos canóns do Sil, os extraordinarios viños da nosa terra e, sobre todo, a calidade humana dos nosos veciños e veciñas, os deixe con gañas de volver moitas veces para seguir coñecendo a provincia de Lugo, a máis extensa de Galicia e unha das máis diversas de toda España", concluiu José Tomé. 

No acto de apertura participaron tamén a Presidenta e Secretaria do Colexio de Odontólogos de Lugo, María Núñez Otero e Iria Sabela Gómez; a Presidenta do Colexio de dentistas de Pontevedra e Ourense; Adriana Sanz Marchena; a Presidenta das empresas Galimplant e Endogal,  Leana Bragança; o Presidente do Consello Galego de Odontólogos, José María Suárez Quintanilla; e o Alcalde de Sober, Luis Fernández.