A Deputación de Lugo organiza coa CEL o vindeiro xoves en Monforte un foro para incentivar o desenvolvemento empresarial na provincia
“Os servizos públicos e o emprego son os dous factores esenciais para fixar poboación no rural, e para crear emprego hai que apoiar ao tecido produtivo xa implantado e atraer novos investimentos e proxectos industriais. Na Deputación témolo claro, e con este encontro queremos potenciar esta liña de traballo”
Jaime López sinalou que “Monforte é o nó loxístico de Galicia” e nese sentido apuntou a vontade dos empresarios de colaborar co Concello monfortino na súa labor de converter esta cidade nun polo de desenvolvemento industrial
O foro terá lugar o 18 de xaneiro, a partir das 10:00 horas, no Centro do Viño de Monforte de Lemos, e estará estruturado en tres mesas de análise e debate
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Secretario Xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, presentou este venres no Pazo de San Marcos o Foro para Impulsar o Desenvolvemento Empresarial da Provincia de Lugo. Unha iniciativa, organizada de forma conxunta entre ambas entidades, que Tomé Roca enmarcou na “colaboración que mantemos para favorecer a actividade económica e a creación de emprego na nosa provincia”.
Este será precisamente o obxectivo do encontro, que tal e como avanzou o mandatario provincial, terá lugar o vindeiro xoves, 18 de xaneiro, a partir das 10:00 horas, no Centro do Viño de Monforte de Lemos. “Un foro no que contaremos con relatores de referencia para abordar o que xa se está facendo e os retos de futuro en tres ámbitos: infraestruturas, en canto á creación de polos industriais no rural, e no relativo a proxectos empresariais e o seu impacto demográfico”, explicou.
“Os servizos públicos e o emprego son os dous factores esenciais para fixar poboación, para que a xente se quede a vivir no rural”, valorou José Tomé, para quen a creación de emprego pasa por “apoiar ao tecido produtivo que xa está implantado no territorio para que sexa máis forte, máis competitivo e máis produtivo, e, ao mesmo tempo, temos que ser capaces de atraer novas inversións empresariais e proxectos industriais”.
Neste sentido, o Presidente sinalou que na Deputación de Lugo “témolo claro”, “levamos moito tempo traballando nesta liña de apoio aos sectores produtivos, nomeadamente, o primario, no que somos unha auténtica potencia, e o do turismo, de calidade e sostible-, que ten unha gran capacidade para xerar riqueza no rural”.
Un modelo que o tamén Alcalde de Monforte aplica no seu concello, onde o Goberno que encabeza conseguiu asentar proxectos industriais de primeiro nivel como o de Kern Pharma e o Centro de Ciberseguridade de Renfe, ademais de facer unha aposta “moi importante” polo polígono industrial. “De feito, logo de anos totalmente estancado, hoxe non hai parcelas e xa estamos traballando para amplialo a máis do dobre da súa extensión para atender a demanda”, expuxo.
O Foro para Impulsar o Desenvolvemento Empresarial da Provincia de Lugo servirá, explicou o Presidente, “para potenciar esta liña de traballo”, en colaboración coa CEL. “Xuntamos así esforzos entre o público e o privado para fomentar a actividade empresarial na nosa provincia, para atraer novos proxectos industriais que contribúan ao equilibrio territorial, a un crecemento sostible, e á creación de emprego de calidade, que fixe poboación no territorio”.
Pola súa banda, Jaime López sinalou que “Monforte é o nó loxístico de Galicia” e nese sentido apuntou a vontade dos empresarios de colaborar co Concello monfortino na súa labor de converter esta cidade nun polo de desenvolvemento industrial. Falou da necesidade de impulsar infraestruturas “da rede básica” como o Porto Seco, da que lamentou o seu estado de “abandono” por parte de quen capitaliza ese proxecto.