A Deputación abre o luns as reservas para a nova tempada das rutas fluviais pola Ribeira Sacra
A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns, 5 de febreiro, o prazo de reserva para a nova tempada de viaxes en catamarán pola Ribeira Sacra, que arrancará o 23 de marzo e que se prolongará ata final de ano.
A institución mantén as dúas rutas fluviais que vén ofrecendo, a do Canón do Sil, que parte do embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, e a de Cabo do Mundo, que sae de Belesar Pobo, no Saviñao. Este recurso turístico supón un revulsivo económico cada vez máis importante para a comarca. De feito, a última temporada foi de récord, con máis de 60.400 viaxeiros e viaxeiras.
Todas as persoas interesadas en coñecer as paisaxes da Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación poden formalizar a súa reserva na web reservas.rutasembalses.es a partir do vindeiro luns. Tamén se habilita o teléfono 982 26 01 96 en horario de 9:00 a 14:00 horas e o enderezo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org