O Presidente da Deputación asiste á entrega do XXIV Premio Aresa á MOEXMU
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este venres á entrega do XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que tivo lugar no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. Este ano, o recoñecemento recaeu sobre a Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), unha feira que este ano celebra o seu cuadraxésimo aniversario e coa que a institución provincial sempre colabora.
José Tomé felicitou aos premiados, poñendo en valor o intenso traballo desenvolvido polo colectivo a favor do rural e do sector primario, evidenciando, dixo, o que sempre reivindica: “O rural non está baleiro, senón cheo de recursos, de ideas, de iniciativas, de capacidade, sobre todo en torno ao noso sector primario, que é un dos grandes músculos da nosa economía”. Lembrou que a institución provincial mantén unha constante colaboración con este colectivo de Muimenta para a organización deste evento, e tamén para a Festa da Filloa.
O premio, que convocan o Grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela chega ás 24 edicións e ten unha dotación económica de 10.000€.