A Vicepresidencia da Deputación parabeniza a Encarna Lago pola Medalla de Ouro en Belas Artes, destacando a súa contribución á inclusión e á interculturalidade desde os museos
A deputada de Cultura Iria Castro, a concelleira de Cultura de Lugo Maite Ferreiro e o vicepresidente da Deputación Efrén Castro parabenizaron a Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo polo Medalla de Ouro de Belas Artes coa que foi recoñecida polo Ministerio de Cultura pola súa traxectoria na xestión cultural.
Nun encontro celebrado no Museo Provincial de Lugo, as representantes provinciais e municipais compartiron coa responsable da Rede a importancia deste galardón, que se concede a personalidades e institucións que destacan no ámbito cultural.
Tamén valoraron “a oportunidade que o recoñecemento persoal supón tamén desde o punto de vista colectivo, proxectando aos museos provinciais e nomeadamente ao Museo Provincial de Lugo como un espazo de referencia en accesibilidade e inclusión en todo o Estado e como un lugar de encontro arredor da arte e do patrimonio para colectivos sociais da cidade”.
Neste sentido, destacaron “as accións desenvolvidas para facilitar o acceso ao Museo, como a recente instalación dos códigos Navilens para guiar as visitas de persoas con baixa ou nula visión, e as programacións desenvolvidas en colaboración con colectivos sociais como unha contribución á inclusión e a interculturalidade moi valiosa para a cidade de Lugo”.
Durante o encontro, visitaron a exposición temporal “Museo da Migración da Rede Museística Provincial de Lugo: punto de partida”, ubicada no claustro e no refectorio do Museo Provincial de Lugo, con diferentes paneis que apelan á reflexión das persoas visitantes sobre os procesos migratorios e propoñen fomentar o diálogo intercultural. Tamén a mostra “As Xoias do Deserto”, unha selección de xoias tradicionais, fotografías evocadoras e vestimentas características das mulleres bereberes.
No percorrido, achegáronse tamén á sala monográfica de Castelao, que conta con materiais adaptados para as persoas con baixa ou nula visión.