Deputación de Lugo

O Presidente reivindica a sanidade pública na inauguración do Congreso de SEMES Galicia

Congreso SEMES
HULA
José Tomé Roca subliñou o compromiso da Deputación coa “defensa da atención sanitaria pública, universal, de calidade e gratuíta, que non discrimine ás persoas polo nivel de renda ou polo lugar de residencia”

O Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) acolle hoxe e mañá a 26ª edición desta cita que, baixo o título A vida é urxente, reúne a profesionais da medicina e a enfermería de urxencias, e a Técnicos de Emerxencias Sanitarias (TES)

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na inauguración do XXVI Congreso SEMES Galicia, que baixo o título A vida é urxente reúne hoxe e mañá a profesionais da medicina e a enfermería de urxencias, e a Técnicos de Emerxencias Sanitarias (TES) no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Un acto no que o mandatario provincial reivindicou a defensa da Deputación dunha “sanidade pública, cunha atención universal, de calidade, gratuíta, que non discrimine ás persoas polo nivel de renda ou polo lugar de residencia”.

“Practicamente todos os días recibimos informacións sobre a situación da Atención Primaria ou da Pediatría, pero é preciso que coñezamos ben a situación da medicina de Urxencias e Emerxencias”, apuntou. Engadiu que neses momentos críticos, a nosa vida está, “máis que nunca, nas mans dos profesionais” e que se trata dun traballo “imprescindible, dunha enorme carga psicolóxica e cunha grande responsabilidade, que debe ser recoñecido e ó que hai que dotar cos medios precisos”.

Así mesmo, destacou que as urxencias “tamén mudan as súas funcións co tempo” e “o que máis medra agora son cuestións como a cronificación, derivada do envellecemento da poboación, un fenómeno que non existía con tanta intensidade cando estes servizos se deseñaron e ao que hai que dar resposta para garantir o benestar da poboación”.

José Tomé recoñeceu o traballo “de tantos anos” da Sociedade Española de Medicina de Emerxencias e Urxencias para acadar o título de especialista, tanto para os profesionais que levan anos traballando nos servizos, como para os que cheguen no futuro pola vía MIR, “un proxecto no que traballou arreo un galego como José Miñones como Ministro de Sanidade”.

Esta edición do Congreso SEMES Galicia comezou pola mañá cunha xornada previa para residentes, na que entre outras cuestións abordarán o trato ás persoas maiores, a toxicoloxía, a bioética ou os aspectos médico-legais no servizo de Urxencias. A cita rematará mañá venres cun programa que abordará aspectos como a organización interhospitalaria; os novos retos en enfermidades infecciosas; ou enfermidades neurolóxicas e respiratorias.

Xunto ao Presidente da Deputación, no acto de apertura do Congreso SEMES Galicia participaron a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos; o Conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña; o presidente de SEMES nacional, Tato Vázquez; o presidente de SEMES Galicia, José Manuel Fandiño; e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares.