Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia impulsa o consumo de Porco Celta na Praza de Abastos cunha degustación gratuíta

ASOPORCEL
medio rural
DANIEL GARCÍA
A área de Rural promoveu unha actividade de degustación gratuíta organizada por Asoporcel, na que os asistentes probaron catro pratos elaborados polos cociñeiros lucenses Álex Méndez e Nardo Eiroa

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegou este xoves á Praza de Abastos de Lugo unha degustación de porco celta, no marco do programa Agro Dinámico , nunha actividade impulsada pola Asociación de Criadores de la Raza Porcina Celta (Asoporcel) e que conta coa colaboración da área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo.

O deputado de Rural Daniel García, xunto ao concelleiro de Infraestruturas do Concello de Lugo Alexandre Penas, achegáronse a este espazo para coñecer o produto e o traballo dos cociñeiros lucenses Alex Méndez (Os Cachivaches) e Nardo Eiroa (Restaurante Canedo). Un traballo que pretende reforzar a promoción e a difusión dos produtos derivados desta raza autóctona.

Daniel García enmarcou esta iniciativa “na colaboración que mantemos con Asoporcel para reforzar o coñecemento e a valoración da carne de porco celta e fomentar o seu consumo, xa que entendemos que o futuro das ganderías desta raza autóctona está necesariamente ligado á posibilidade de comercializar os seus produtos” ao tempo que celebrou a boa acollida desta iniciativa que “permitirá que nas cociñas dos veciños da provincia de Lugo se opte por un produto local, apostando pola calidade e a proximidade.

Alexandre Penas agradeceu a “colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e de Asoporcel nesta degustación, que contribúe a dinamizar o mercado e a dar a coñecer a un público diverso a unha carne de excelentes propiedades”.

Os asistentes puideron degustar gratuitamente catro receitas con porco celta: tataki de solombo, arroz meloso, torrezmos e faceiras.

A degustación desenvolveuse no marco do programa “Agro Dinámico con Porco Celta”, financiada pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que, ademais de incluír a presenza desta raza en feiras gandeiras, ofrece degustacións gratuítas de porco celta en mercados e outras citas tradicionais, poñendo en valor as cualidades nutricionais e culinarias da súa carne e visibilizando o traballo das criadoras e criadores. Este programa xa visitou os concellos de Taboada, durante a Feira do Caldo de Ósos; Cospeito, na Festa da Filloa, e o pasado fin de semana na Festa da Primavera que se celebrou en Barreiros.