Deputación de Lugo

A Deputación colabora cunha nova edición do Criterium Aeronáutico que se celebrará do 25 ao 27 de xullo

Criterium Aeronáutico
O Presidente asinou este venres o acordo co representante do Real Aeroclub polo que a institución provincial achega 10.000€ para a organización en Rozas deste evento aéreo, consolidado como un dos máis importantes do panorama nacional

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración co Presidente do Real Aeroclub, Luis Abelleira, polo que a institución provincial achegará 10.000€ para a celebración en Rozas dunha nova edición do Criterium Aeronáutico. Este evento aéreo, consolidado como un dos máis importantes do panorama nacional, celebrarase do 25 ao 27 de xullo.

Esta cita contará un ano máis con actividades pensadas para todos os públicos, entre as que se incluirán o paracaidismo, paramotor, voo acrobático, drons, ultralixeiros ou un simulador de voo. Haberá tamén un circuíto de karts, inchables, voos de exhibición e exposicións. Un ano máis terá lugar de forma simultánea a Volta Aérea a Galicia, aberta a todos os pilotos que desexen participar.

Trátase dun evento moi atractivo, que forma parte da oferta turística de Lugo e que consolida á provincia como un destino de experiencias, o que precisamente encaixa co modelo de turismo de calidade e sostible que impulsa a Deputación de Lugo. De feito, a institución provincial volve a ser a Administración que fai unha aportación económica maior, financiando preto do 50% desta cita.