Deputación de Lugo
Formación
Innovación e TIC

A Deputación colabora coas Xornadas Xurídicas de Sarria, que este ano se centran na ciberseguridade e nos delitos informáticos

Xornadas xurídicas
Sarria
Ciberseguridade
O Deputado de Promoción Económica e Social destacou na inauguración da 17ª edición desta cita celebrada este mércores o “papel crucial” da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial creada polo Goberno de España

A institución provincial achega 5.000€ para a organización deste encontro, que retransmite en streaming grazas ao servizo provincial de Audiovisuais

O Deputado en funcións de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores na inauguración das XVII Xornadas Xurídicas Román García Varela de Sarria, que este ano abordan a ciberseguridade e os delitos informáticos. Unha cita que, segundo sinalou, “sitúa o municipio e á provincia de Lugo no centro do debate xurídico en España” e coa que a Deputación de Lugo colabora desde o seu inicio. Este ano, a institución provincial achega 5.000€ e retransmite as distintas conferencias grazas ao Servizo de Audiovisuais provincial .

No acto inaugural que tivo lugar na Casa da Cultura sarriá participaron ademais o Alcalde da localidade, Claudio Garrido, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, o Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; e a directora da UNED en Lugo, Ana Traseira.

“Vivimos nun mundo cada vez máis dixitalizado, onde as novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial, son parte esencial das nosas vidas. Esta transformación dixital trae consigo grandes oportunidades, pero tamén novos retos e ameazas”, sinalou o Deputado. Incidiu Rivera Capón que “a ciberseguridade non é só unha cuestión técnica, senón un asunto fundamental que afecta á nosa privacidade, á nosa economía e á nosa seguridade nacional”.

Nese sentido, Pablo Rivera destacou a creación da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que ten ”un papel crucial na regulación e supervisión, asegurando que o seu desenvolvemento e aplicación se realicen cos máis altos estándares de seguridade e ética”. Unha iniciativa que, segundo explicou, “pon de manifesto o compromiso do Goberno de España coa innovación tecnolóxica segura e responsable”.

As Xornadas Xurídicas de Sarria celébranse entre hoxe e o vindeiro venres, 14 de xuño, na Casa da Cultura da localidade, e pódense seguir en directo a través de YouTube grazas á retransmisión realizada polo Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo no marco da colaboración que a institución ten con esta cita de referencia. Un ano máis as conferencias que se imparten terán recoñecemento universitario, de maneira que o alumnado da UNED de Lugo obterá o equivalente a 10 horas lectivas.