Deputación de Lugo

A Deputación reivindica a proximidade dos gobernos na Semana da Administración Aberta

- A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas inaugurou a xornada técnica que se realizou no Pazo de San Marcos dentro desta programación á que asistiron numerosos alcaldes da provincia e persoal funcionario

- Na súa intervención, Carmela López subliñou que “queremos sumarnos a este evento posto que estamos plenamente convencidos de que eses obxectivos de servizo e transparencia teñen que empezar polos concellos, pola administración local”

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, inaugurou este xoves, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, unha xornada técnica sobre o catastro impartida polo Xerente Territorial do Catastro de Lugo, Luís Fernando Jácome López. Este evento enmárcase na programación da Semana da Administración Aberta, unha iniciativa promovida pola Alianza para o Goberno Aberto que ten como finalidade principal achegar as administracións públicas á cidadanía baseándose nos principios de transparencia, rendición de contas, participación cidadá, integridade pública e colaboración.

Carmela López deu a benvida a todos os asistentes e sinalou que “queremos sumarnos a este evento posto que estamos plenamente convencidos de que eses obxectivos de servizo e transparencia teñen que empezar polos concellos, pola administración local”. Nesta liña a Deputada destacou o compromiso que mantén a institución provincial coa transparencia “e que queda plasmado na nosa aposta pola formación e a dotación de servizos para os concellos”.  

Na súa intervención, López Moreno tamén puxo en valor o plan de Igualdade da Deputación e subliñou que “ter un goberno aberto de xeito transversal ás políticas de xénero é tamén un exemplo de transparencia”. 

Esta sesión, á que asistiron numerosos alcaldes da provincia e persoal da administración pública, reuniu a máis de 60 persoas que puideron abordar cuestións relacionadas co catastro, como ferramentas dixitais, e outros aspectos relacionados coa solicitude de certificados, ou o funcionamento da carpeta cidadá.