Cultura
Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación colabora cunha serie de viaxes sonoras para promocionar o patrimonio dos Ancares

VIAXE
SON
Ancares
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo presentou esta iniciativa de docuficción xunto aos directores artísticos de Os Andares e explicou que a institución provincial achega 10.000€ para o seu financiamento

García Porto: “O espírito deste proxecto concorda plenamente cun dos eixos da acción de Goberno da Deputación de Lugo. Nós apostamos por un modelo de turismo de calidade, de experiencias, desestacionalizado e non masificado”

Estes audio itinerarios que percorren os concellos de Navia de Suarna, Baralla, As Nogais, Cervantes, Becerreá e Pedrafita, poden escoitarse gratuitamente na web osandares.com, alternan o discurso dramatizado cos testemuños de veciños e veciñas

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este luns no Centro de Interpretación de Terras do Miño un proxecto ao que a Deputación achega 10.000€ para promocionar o patrimonio dos Ancares a través dunha serie de seis viaxes sonoras. Baixo o título Os Andares, esta iniciativa consiste en diferentes pezas en formato de docuficción que propoñen un percorrido polos concellos que conforman a comarca da Montaña.

Participaron tamén na presentación os representantes do colectivo Galiza Emocional que impulsa este proxecto; os directores artísticos da iniciativa, José Díaz e Iria Azevedo; e os alcaldes de Navia de Suarna, José Fernández, de Baralla, Miguel González, e das Nogais, Jesús Núñez.

“O espírito deste proxecto concorda plenamente cun dos eixos da acción de Goberno da Deputación de Lugo. Nós apostamos por un modelo de turismo de calidade, de experiencias, desestacionalizado e non masificado”, sinalou García Porto, ao tempo que puxo en valor “unha iniciativa que combina a arte, a cultura e o turismo dun xeito tan harmonioso”.

Argumentou a Deputada que “o turismo sostible convértese nun aliado na conservación do entorno e das paisaxes, pon en valor o rural, e xera emprego sostible. Polo tanto, axuda a fixar poboación no rural”. Engadiu que o rural “ten moitas historias ocultas que agora descubrimos da man dos Andares. Os que escoiten estas audioguías poderán sentirse inmersos nos diferentes escenarios naturais e históricos da nosa terra”.

Os diferentes sons desta serie poden escoitarse xa de xeito gratuíto na páxina web osandares.com, que conta con paradas na Pobra de Navia (Navia de Suarna), Penarrubia (Baralla), Torés (As Nogais), Castro de Santa María (Cervantes), Os Grobos (Becerreá) e Lagoa Maior (Pedrafita do Cebreiro). Estas viaxes sonoras son pezas de arte inmersiva ao aire libre e están contadas por actores e actrices que interpretan diferentes personaxes; o seu discurso altérnase con intervencións en primeira persoa dos veciños e veciñas que viven no territorio. “Emoción e divulgación, nunhas pezas que se nutren de contidos do patrimonio cultural, artístico, natural, histórico, sociolóxico, sentimental e cotiá”, valoran os autores.

Cada capítulo ten unha duración de entre 32 e 47 minutos e ofrece anacos de historia e arquitectura das diferentes localizacións, recollendo ademais as lembranzas e emocións das persoas que habitan e habitaron estes concellos e facendo compilación tamén da súa tradición oral, músicas e acervo cultural. Explican os creadores de Os Andares que “non é necesario seguir unha orde concreta para desfrutalos, o realmente importante é fomentar a participación activa das persoas que escoitan, máis aló do paseo, a observación e a escoita”.

Dispoñible en galego, castelán e inglés, cada capítulo servirá para ampliar e completar a oferta turística de cada concello dos Ancares lucenses, aproveitando os propios recursos existentes en cada municipio.