Deputación de Lugo
Infraestruturas

As obras que acomete a Deputación na LU-P-4202 en Paradela cortarán a vía durante catro días

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
paradela
Dende este mércores queda interrompida a circulación do tráfico nesta estrada provincial, que une Pacios e Currelos, no Saviñao, por Aldosende, no tramo comprendido entre o quilómetro 3,5 e 5,0 con motivo das obras de estendido do aglomerado

A Deputación de Lugo comezará este mércores, 17 de xullo, o estendido de aglomerado na estrada provincial LU-P-4202, que une Pacios e Currelos, no Saviñao, por Aldosende. Os traballos que se van realizar obrigan a cortar o tráfico nesta vía ata este sábado, 20 de xullo, quedando habilitados desvíos alternativos correctamente sinalizados. 

A institución provincial inviste nestas obras preto de 80.000 euros e os traballos consisten na mellora da drenaxe mediante a reapertura das cunetas, a súa limpeza e pavimentación nos puntos nos que sexa preciso; renovación do firme con aglomerado en quente, e renovación da sinalización mediante o pintado da vía con marcas reflexivas brancas e reposición da sinalización vertical. O prazo de execución destas obras é de dous meses, pero a adxudicataria –FEVISA Vías y Obras SL- comprometeuse a rematalas en mes e medio desde o seu inicio.

Así mesmo, este treito da vía provincial á altura do lugar de Toexe dá servizo a diferentes rutas de sendeirismo, ao mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño e ao antigo embarcadoiro. Ademais, permite o acceso da veciñanza ás viñas da Ribeira Sacra polo que se trata dunha actuación especialmente relevante para esta zona.