Deputación de Lugo
Economía

A Deputación amósase comprometida co sector primario no 25 aniversario de ASOPORCEL

ASOPORCEL
O Deputado de Promoción Económica e Social dirixiuse durante o acto ás administracións para lembrarlles que “non podemos pedirlle esforzos ao sector primario se non apostamos decididamente por el e non estamos ao lado dos produtores”

Pablo Rivera lembrou que a institución provincial mantén unha colaboración de 39.000€ coa Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta, “estamos convencidos de que é unha aposta polo mellor das nosas tradicións e polo futuro”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres no Claustro da Catedral, nos actos de conmemoración do 25 aniversario da Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (ASOPORCEL). Durante a súa intervención, Rivera Capón, reivindicou máis implicación co sector primario, lembrándolle ás administracións que “non podemos pedirlle esforzos ao sector primario se non apostamos decididamente por el e non estamos ao lado dos produtores”.
“Porque un gandeiro non pode traballar baixo a incerteza de non saber ata o último momento se se van retirar ou renovar as axudas á produción; ou se a administración vai tardar un ano en incrementar as contías orzamentarias para facer fronte a unha enfermidade”, detallou. Nese sentido recordou que a institución provincial mantén unha colaboración de 39.000€ con ASOPORCEL porque “estamos convencidos de que é unha aposta polo mellor das nosas tradicións e polo futuro”.

No acto, presentado polo meteorólogo e experto en comunicación Martín Barreiro, acompañaron ao Deputado, a Deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro; e o Presidente de ASOPORCEL, José Barreira, entre outras autoridades.

Sinalou o Deputado que hoxe “estamos a celebrar 25 anos de traballo na modernización, divulgación e posta en valor do sector gandeiro e, especificamente, dunha especie autóctona como o porco celta”, e felicitou aos criadores, responsables e distribuidores que apostaron por este produto desde os seus inicios. “Entendestes que para consolidar o sector primario, non bastaba con conformarse só coa aposta pola calidade”, valorou.

Enumerou que para chegar ao éxito apostaron “polas especies autóctonas, polos produtos que xeran valor engadido polo que teñen de relación directa coa terra, coa historia e coa cultura. E pola recuperación dos métodos de crianza tradicionais, que buscan acadar a maior calidade a través do respecto escrupuloso do benestar animal”. E puxo como exemplo dunha boa planificación a ASOPORCEL, “unha folla de ruta magnífica, que vos trouxo ata aquí, e que vos abre tamén as portas do futuro”.