Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo aproba unha Declaración con motivo do Día Internacional da Muller Rural

Imaxe deputación de lugo
- A Xunta de Goberno acordou un documento, en coordinación coa Federación Española de Municipios e Provincias, para reafirmar o seu compromiso coa promoción da igualdade e o recoñecemento do traballo realizado polas mulleres rurais

- O texto pretende ser unha folla de ruta no camiño de empoderar ás mulleres rurais porque “a pesar dos avances continúan vixentes os roles e estereotipos de xénero que relegan ás mulleres, sobre todo ás que viven no rural, ó ámbito doméstico e familiar”

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou na reunión semanal deste venres unha Declaración con motivo do Día Internacional da Muller Rural que se celebra o 15 de outubro. A institución provincial, que se suma ao texto presentado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), reafirma o seu compromiso coa promoción da igualdade e o recoñecemento do traballo realizado polas mulleres rurais.

O documento, en palabras do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, pretende ser unha folla de ruta no camiño de empoderar ás mulleres rurais porque “a pesar dos avances continúan vixentes os roles e estereotipos de xénero que relegan ás mulleres, sobre todo ás que viven no rural, ao ámbito doméstico e familiar”.

DECLARACIÓN


O Día 15 de outubro foi elixido por Nacións Unidas para recoñecer e valorar o incansable labor no plano Internacional das mulleres no ámbito rural. A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) reafirma por iso o seu compromiso coa promoción da igualdade e o recoñecemento á dedicación e traballo realizado polas mulleres rurais. Empoderar ás mulleres rurais é un ingrediente fundamental na loita pola igualdade. A pesar dos avances, continúan vixente os roles e estereotipos de xénero que relegan ademais ás mulleres rurais ao ámbito doméstico e familiar.

As mulleres rurais representan unha cuarta parte da poboación mundial, traballan como agricultoras, asalariadas e empresarias. Labran a terra e plantan as sementes que alimentan nacións enteiras e son piar fundamental na xestión dos nosos recursos naturais, fortalecendo a economía das nosas comunidades e preservando o medio ambiente. Foron e son esenciais para a supervivencia, prosperidade e fixación da poboación no ámbito rural, sendo estratéxicas na implantación de iniciativas innovadoras en distintos sectores económicos e especialmente, na agricultura sostible, vital para as economías locais. Ademais, garanten a seguridade alimentaria das súas poboacións e axudan a preparar ás súas comunidades fronte ao cambio climático.

Con todo, a pesar do seu rol crucial, aínda son maioría as mulleres rurais que se enfrontan a importantes desafíos en termos de acceso a servizos esenciais, educación, atención sanitaria e oportunidades económicas, afrontando diariamente problemas como o acceso limitado a recursos, situacións de discriminación de xénero e unha maior carga de traballo non remunerado. A falta de representación adecuada nos espazos de toma de decisións segue sendo unha barreira estrutural significativa que limita o seu potencial.

Mundialmente, con poucas excepcións, todos os indicadores de xénero e desenvolvemento mostran que as mulleres rurais atópanse en peores condicións que os homes do campo e que as mulleres urbanas.

Por todo iso, desde os Gobernos Locais comprometémonos a desenvolver as seguintes liñas de actuación:

1.    Promover políticas que faciliten o acceso en igualdade a recursos e servizos para as mulleres rurais, asegurando a súa participación en pé de igualdade na vida económica.
2.    Estimular o equilibrio nos usos do tempo entre as mulleres e homes: son as mulleres rurais quen máis tempo dedican ás tarefas de coidados familiares e domésticos.
3.    Realizar iniciativas de emprendemento e apoiar as que fomenten a educación e formación profesional das mulleres no ámbito rural, garantindo que poidan liderar e beneficiarse de innovacións na agricultura e outros sectores rurais.
4.    Debéndose garantir desde a Administración Pública os servizos de atención sanitaria, educación e protección contra a violencia de xénero, desde os Gobernos Locais comprometémonos a colaborar con organizacións non gobernamentais e o sector privado, para dar voz ás necesidades específicas das mulleres rurais nestes servizos.
5.    Promocionar programas de capacitación que permitan o acceso ás novas tecnoloxías, así como, facilitar as ferramentas e o apoio á información e a formación que facilite a participación no mundo dixital das mulleres no mundo rural.

Queremos animar aos Gobernos Locais e a todas as partes interesadas a unirse neste compromiso, recoñecendo que o empoderamento da muller no ámbito rural non só é unha cuestión de xustiza social e equidade, senón un requisito indispensable para o desenvolvemento sostible. Só xuntos podemos asegurar que as voces das mulleres rurais sexan escoitadas e que os seus dereitos sexan plenamente recoñecidos e respectados.

A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), apoia o liderado e a participación das mulleres rurais á hora de deseñar leis, estratexias, políticas e programas en todos os temas que afectan as súas vidas.

Neste día especial, a FEMP quere recoñecer o papel desempeñado polas mulleres rurais na nosa sociedade. A súa fortaleza, determinación e traballo continúan alimentando, cultivando e enriquecendo as nosas comunidades. Comprometémonos  a apoialas hoxe e sempre.