Deputación de Lugo

A Deputación renova a colaboración coa Feira L de Lugo, que se consolida como escaparate gastronómico da provincia os días 27 e 28 de outubro

O Pazo de San Marcos acolleu este xoves a presentación desta iniciativa organizada pola Asociación de Distribuidores de Hostalaría e Alimentación de Lugo, que conta cunha achega de 15.000€ da institución provincial e na que participarán unhas 200 marcas

Rivera Capón: “Estamos ao carón dos distribuidores, xa que son unha actividade fundamental para dinamizar a economía, xerar emprego e poñer en valor un turismo de calidade e de experiencias polo que apostamos desde esta institución”

O Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón, presentou este xoves xunto ao presidente da Asociación de Distribuidores de Hostalería e Alimentación de Lugo (AdisLugo), Eloi García López, a cuarta edición da Feira L de Lugo.O Pazo de San Marcos acolleu a presentación deste evento que se consolida como escaparate gastronómico da provincia co apoio da Deputación de Lugo. 

A institución provincial achega 15.000€ para esta cita que se celebrará o domingo e o luns, 27 e 28 de outubro, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e na que participarán unhas 200 marcas.“Estamos ao carón dos distribuidores, xa que son unha actividade fundamental para dinamizar a economía, xerar emprego e poñer en valor un turismo de calidade e de experiencias polo que apostamos desde esta institución”, valorou Rivera Capón.

Sinalou o Deputado que catro anos bastaron para que a Feira L de Lugo se convertera “nun dos eventos gastronómicos máis relevantes do noroeste peninsular” e felicitou a AdisLugo “por crear un evento único que exhibe a riqueza gastronómica da nosa provincia e o seu enorme potencial turístico”. 

Ademais de expositores, a cita contará con experiencias gastronómicas con produtos autóctonos da man de recoñecidos cociñeiros, catas coas últimas tendencias en coctalería e poderase desfrutar da elaboración do pan galego da man de mestres panadeiros. L de Lugo celebrarase en horario de 12:00 a 21:00 horas e as entradas pódense adquirir a partir de 20€ e os menores de 18 anos accederán de xeito gratuíto.