Deputación de Lugo

A Deputación expón o modelo da Granxa Gayoso como referente nunha xornada do sector agroalimentario

Pablo Rivera Capón
granxa gayoso castro
Xornada sobre seguridade industrial
- O Deputado de Promoción Económica e Social participou este xoves en Lugo nunha mesa redonda sobre Seguridade Industrial do sector agroalimentario, na que se abordaron asuntos relevantes como a aplicación de normativas ou o benestar animal

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou este xoves na mesa redonda da 7ª Xornada de Seguridade Industrial do sector agroalimentario, que tivo lugar no Salón de Actos da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo. No encontrou abordáronse temas de gran relevancia para o sector, como a importancia da seguridade industrial nas empresas e a correcta aplicación das normativas vixentes, ou o benestar animal entre outros asuntos.


Pablo Rivera, destacou a Granxa Gayoso Castro da Deputación como un exemplo de boas prácticas en termos de seguridade industrial e benestar animal., subliñando que o centro provincial “non só é un referente na recría de animais, senón que tamén se caracteriza polo estrito cumprimento das normativas de seguridade, co fin de garantir tanto a protección dos traballadores como o benestar dos animais”. Afirmou que a integración adecuada da seguridade industrial cos procesos produtivos “mellora a calidade da recría e favorece a competitividade e sustentabilidade do sector”.


Un dos aspectos máis relevantes do modelo da Granxa Gayoso é a súa certificación anual Welfair Quality, que avalía aspectos clave do benestar animal. Rivera explicou que a auditoría avalía parámetros como a saúde das extremidades dos animais, a limpeza das instalacións, as condicións dos cubículos, o acceso aos comedeiros, a ventilación, a limpeza dos animais e a calidade da cama, entre outros factores.


Ademais do Deputado de Promoción Económica e Social participaron no coloquio destacados expertos no sector, como o director de Inxenium, Carlos García; o Xefe de Servizo de Industria, Juan Carlos Morán del Pozo; e os representantes do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), Roberto Alonso Ferro; e de Leche Río, Jesús García.