Deputación de Lugo

O Presidente anuncia que a Deputación modernizará o padrón municipal dos 67 concellos da provincia cun investimento de 1,2M€

novas tecnoloxías
José Tomé Roca asinou este martes no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración cos alcaldes e alcaldesas para a posta en marcha dun novo sistema de xestión da información sobre o territorio local de forma coordinada co INE

O mandatario provincial enmarcou este proxecto na liña de acción do Goberno provincial de cooperación cos concellos e sinalou que, con cargo a fondos europeos, este “servizo servirá para preparar o camiño cara o proxecto de Padrón Online”

“Esta é unha liña de axudas que vén complementar o camiño de transformación dixital das administracións locais co Impulsa TIC”, unha iniciativa para a que se captaron máis de 4M€ e que segundo avanzou o mandatario provincial está completamente executada

Sinalou que desde o 2019, “cando asumín a presidencia a Deputación leva conseguido máis de 18M€ de fondos da Unión Europea para que os concellos melloren en aforro enerxético, fomentar o emprego xuvenil ou aproveitar a riqueza medioambiental

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración cos alcaldes e alcaldesas de toda a provincia para modernizar o padrón municipal dos 67 concellos do territorio. Unha iniciativa para a que a institución provincial conta con 1,2M€ que conseguiu do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia que o Goberno central ten en marcha cos fondos que logrou da Unión Europea para modernizar a economía do país.

En presenza da práctica totalidade dos responsables municipais e o Deputado de Promoción Económica e social, Pablo Rivera Capón, o Presidente explicou que a través do Xeopadrón “poñemos en marcha un novo sistema de xestión da información sobre os territorios de ámbito municipal que beneficiará, de maneira directa, aos 67 concellos da provincia”. Un programa para a modernización dos padróns que, segundo detallou o mandatario provincial, consistirá en revisar os datos do padrón que ten cada concello e contrastalos cos que ten o Instituto Nacional de Estadística (INE).

“Estamos falando dun servizo tecnolóxico que servirá para preparar o camiño cara o proxecto de Padrón Online que está a desenvolver o INE a través de dúas cuestións: crear unha base de datos xeorreferenciada de vivendas e fogares, e revisar e depurar a información padroal municipal do INE”, avanzou Tomé Roca.

Explicou tamén o Presidente que esta liña de axudas “vén completar o camiño de modernización e transformación dixital das administracións locais que iniciamos co Impulsa TIC, que está executado ao 100%. Unha iniciativa para a que captamos o ano pasado máis de 4M€ e que levamos a cabo nos 52 concellos que decidiron sumarse voluntariamente”. Con cargo a este programa, sinalou que se levaron a cabo actuacións tan relevantes como integrar a administración electrónica dos concellos cos servizos da Administración Xeral, implantar postos de traballo intelixentes, crear oficinas de asistencia en materia de rexistro. Puxo como exemplo a implantación dun sistema de gravación nos plenos municipais, para os que se instalaron 50 cámaras e máis de 400 micrófonos nos concellos de toda a provincia, ou a renovación de equipamentos informáticos coa compra de 114 ordenadores, máis de 640 pantallas ou máis de 100 tablets.

Máis de 18M€ de fondos europeos para a cooperación cos concellos

“A concesión desta nova axuda económica vén demostrar a capacidade que temos desde a Deputación de Lugo para conseguir fondos da Unión Europea, que nos permite realizar investimentos para seguir avanzando na modernización e na dixitalización dos concellos da provincia”, valorou Tomé Roca. Engadiu que con estes 1,2M€ “levamos conseguido un total de máis de 18 millóns de euros de fondos da Unión Europea dende o ano 2019, cando asumín por primeira vez a Presidencia desta institución”.

Neste sentido, puxo en valor que a Deputación de Lugo está “á cabeza” das institucións provinciais de toda España que máis fondos recibiron, xunto con outras como Barcelona, Valencia e Sevilla, o que dá boa conta do nivel e da calidade das propostas que presentamos. Un investimento que serviu para que os concellos poidan aforrar en alumeado público; fomentar o emprego de mozos e mozas parados de longa duración; favorecer a dixitalización das pequenas e medianas empresas; ou para impulsar proxectos que aproveiten a riqueza medioambiental da nosa provincia.

“Creo que estamos a facer un bo traballo, e por esta liña seguiremos traballando, optando a todas as convocatorias de fondos europeos ás que sexa posible concorrer, para seguir impulsando o progreso social e o progreso económico da nosa provincia”, destacou.