Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente e a Alcaldesa de Viveiro asinan un convenio de máis de 105.000€ para mellorar infraestruturas e reforzar servizos neste municipio

Viveiro
A Deputación de Lugo achega o 95% do orzamento total e a entidade local asume o 5% restante deste acordo no que se inclúe o acondicionamento de instalacións deportivas ou a adquisición de material informático para equipos municipais

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar coa Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, un convenio de colaboración de máis de 105.000€ para desenvolver varias actuacións dirixidas a mellorar infraestruturas deportivas e a reforzar  servizos públicos neste municipio. 

José Tomé informou que “a institución provincial achega practicamente o 95% do orzamento total, 101.500€, mentres que a entidade local asume o 5% restante, 5.430,56€, e sinalou que “este convenio permitirá desenvolver unha serie de proxectos que beneficiarán de xeito directo á veciñanza viveirense”. 

Nese sentido explicou que “melloraranse instalacións deportivas a través da adquisición de dous termos para o vestiario do campo de fútbol; a instalación dun marcador electrónico no polideportivo municipal ou a dotación de equipamento para a sala de musculación da piscina municipal, entre outras actuacións”. 

Así mesmo, recordou o mandatario provincial que no ano 2025 a Deputación de Lugo achegará máis do 20% do Orzamento á cooperación cos concellos “unha das nosas principais liñas de actuacións” e subliñou que “xa só ao Plan Deputación destinaremos 22M€”.

Pola súa banda, María Loureiro agradeceu o apoio da institución provincial e recalcou que “tamén se inclúen 8.500€ para mellorar o alumeado público na rúa Rosalía de Castro  e outros 3.300€ para o alumeado de Nadal”. A rexedora tamén sinalou que “outra das liñas que se inclúen neste acordo é a compra de material informático para os equipos municipais co fin de continuar ofrecendo máis e mellores servizos públicos aos veciños e veciñas”.