O Presidente acompaña na Coruña ao Ministro Óscar López na inauguración do maior estudo de produción virtual de España

A Deputación de Lugo mantén un apoio decidido ao audiovisual, “que queda reflectido na aposta pola formación que facemos desde a nosa Escola de Imaxe e Son, única na provincia, desde a Lugo Film Commission, ou apoiando grandes producións para promocionar a provincia como plató de cine”, lembrou o mandatario provincial
O CIS é un centro de produción virtual de última xeración, cun plató de 750 m² e 1.200 m² de instalacións adicionais, e conta cun investimento de case 9M€, cofinanciados entre a Deputación da Coruña e o Goberno de España
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres na inauguración do Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior centro de produción virtual de España, situado na Cidade das TIC na Coruña. Acompañado polo Ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, Tomé Roca destacou que esta infraestrutura, cunha inversión de case 9 millóns de euros, será un piar clave para o desenvolvemento do sector audiovisual e a economía galega.
“A creación do CEI é un paso decisivo para o fortalecemento do audiovisual en Galicia, tal e como comentou o Ministro de que este sector medrou un 93% nos últimos tres anos”, afirmou o Presidente, quen resaltou a capacidade do CEI para poñer a Galicia á vangarda da produción virtual en España e Europa, “este centro non só atraerá investimentos internacionais, senón que tamén xerará oportunidades de emprego de calidade, especialmente para a nosa mocidade”.
O mandatario provincial tamén subliñou o compromiso continuo da Deputación de Lugo co sector audiovisual, que se materializa en varias iniciativas estratéxicas. "A nosa aposta pola formación técnica e pola promoción do audiovisual en Lugo está reflectida na nosa Escola de Imaxe e Son, a única na provincia, así como na Lugo Film Commission e no apoio a grandes producións na provincia”, destacou Tomé Roca.
“Desde a Deputación, entendemos que o audiovisual é unha fonte de riqueza económica, cultural e turística. Non só estamos creando emprego para a mocidade, senón que tamén estamos promovendo a nosa cultura, a nosa lingua e as nosas paisaxes, que se están facendo un oco nas pantallas de todo o mundo”, concluíu.
Un estudo virtual de última xeración e 1.200 m² de instalacións
O Coruña Estudio Inmersivo é un centro de produción virtual de última xeración, cun plató de 750 m² e 1.200 m² de instalacións adicionais. Este proxecto conta cun investimento de case 9 millóns de euros, cofinanciados entre a Deputación da Coruña e fondos do Plan de Recuperación do Goberno Estatal.
O plató, que pode ser utilizado tanto polo sector audiovisual como polo de videoxogos, destaca polas súas pantallas LED de alta resolución, nas que se xeran fondos de máxima calidade e nitidez en tempo real. Estas instalacións atopanse na Cidade das TIC, un espazo estratéxico que aposta pola especialización de Galicia en tecnoloxías emerxentes. A súa ubicación, a poucos minutos do centro da cidade e do aeroporto, facilita tanto a chegada de produccións nacionais e internacionais como a oferta de servizos de producción, creación e postproducción dixital.
Este centro representa unha clara aposta polo desenvolvemento da industria da produción virtual e dos efectos especiais, consolidando a Galicia como un referente internacional nestes sectores.