Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Aberto o prazo de solicitude das axudas para clubs e entidades deportivas da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
AXUDAS DEPORTES
CLUBS
Deportes destina 600.000 euros a esta convocatoria,  orientada a financiar gastos relacionados coa actividade competitiva

As solicitudes poden presentarse ata o 21 de marzo, incluído

Este luns -10 de marzo – abriu o prazo de solicitude das subvencións de concorrencia competitiva para clubs e entidades deportivas da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que conta cun orzamento total de 600.000 euros. Os clubs teñen ata o 21 de marzo para solicitar as subvencións, dirixidas a financiar gastos relacionados coa actividade competitiva como a compra de material deportivo e equipacións, custos de transporte, fichas, arbitraxe, persoal ou alugueiro de instalacións, entre outros.

As axudas oscilan entre os 500 e os 6.000 euros, o que supón un incremento de 1.000 euros no importe máximo, unha actualización derivada da concentración das axudas nunha única liña, fronte as dúas de convocatorias anteriores (actividade competitiva e eventos). Esta nova formulación mantén o investimento dirixido aos clubs, enfocándoo na actividade que desenvolven ao longo do ano.

Na concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, valóranse criterios obxectivos vinculados ao rendemento deportivo (ascensos de categoría, resultados en campionatos estatais ou internacionais,..), a incidencia social do club (número de licenzas federativas e/ou equipos en relación co número total de cada disciplina), o ámbito territorial, os anos de creación da entidade ou o persoal contratado, dacordo cos baremos establecidos nas bases da convocatoria, publicadas o pasado venres no Boletín Oficial da Provincia. Prímase, de forma trasversal, aos clubs con equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes. As bases e os formularios de solicitude  están dispoñibles na web da Deputación de Lugo, no apartado de Deportes.