Deputación de Lugo

A Deputación impulsa unha nova edición do Mercado de Oficios do Corgo, que se celebrará do 1 ao 3 de agosto

Pablo Rivera Capón
O Deputado de Promoción Económica e Social, xunto ao presidente da Asociación Cinco Ríos, presentou este martes en San Marcos o evento que combina tradición, cultura e emprendemento no medio rural

A feira contará con exhibicións de maquinaria, demostracións en vivo, artesanía, gastronomía e espazos para a transmisión de saberes entre xeracións

A Deputación de Lugo impulsa un ano máis a Mostra de Maquinaria e Mercado de Oficios do Corgo, unha cita que exhibirá os vindeiros días 1, 2 e 3 de agosto o traballo de numerosos profesionais da artesanía combinando tradición, cultura e emprendemento no medio rural.  O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou este martes na presentación do evento no Pazo de San Marcos, no que a institución provincial contribúe cunha achega de 3.500 euros para a súa celebración. 

O Deputado, acompañado polo presidente da Asociación de Veciños Cultural e Deportiva Os Cinco Ríos, José Chousa López, e varios membros do colectivo, destacou que esta mostra “é moito máis ca unha feira: é unha expresión de todo o potencial que ten o rural, non só como lugar de memoria, senón como espazo de creatividade, innovación e identidade”. Puxo en valor o labor da entidade organizadora, “que cada ano saca adiante un evento singular que pon en valor o traballo feito con coidado e con raíces no territorio”.
Subliñou ademais que a Deputación apoia este evento “porque encaixa de cheo cos valores que defendemos: o apoio ao tecido produtivo local, á cultura popular, á formación e ao relevo xeracional nos oficios”.

A feira desenvolverase no recinto feiral do Corgo e ofrecerá unha ampla programación que inclúe exhibicións de maquinaria agrícola antiga e moderna, demostracións de oficios tradicionais, postos de artesanía e produtos locais, un espazo de segunda man, actividades para público infantil e espazos para a transmisión interxeracional do coñecemento.

Pola súa banda o presidente de Cinco Ríos agradeceu á Deputación esta colaboración constante con este evento, do que salientou que pola súa interactividade, enfoque comunitario e sostibilidade, “actúa como un motor de desenvolvemento económico local, e o apoio da institución provincial é fundamental, dado que a entidade promotora é sen ánimo de lucro e non pode asumir os custos totais do proxecto”.

Os organizadores e o Deputado de Promoción Económica e Social, animaron a achegarse ao Corgo os días 1, 2 e 3 de agosto, “porque o que se vai vivir alí non é só unha feira: é unha mostra de todo o que este rural sabe dar, cun evento vivo que impulsa a economía, o talento e a cohesión do territorio”, concluíu Pablo Rivera.

Tradición, artesanía, música e gastronomía

A Mostra de Maquinaria e Mercado de Oficios do Corgo celebrarase os días 1, 2 e 3 de agosto cunha programación que combina tradición, artesanía, música e gastronomía. A cita arranca o venres cunha pancetada e concerto do grupo Calibre. O sábado haberá feira dende as 10:00 horas, concentración de motos, sesión vermú con Mar de Caión, xogos tradicionais pola tarde e verbena á noite co trío Mar de Caión e disco móbil DBC.
O domingo contará con actuacións, concentración de vehículos clásicos, pregón, degustación gratuíta de cordeiro ao espeto, festa da escuma e actividades infantís. A música do trío Vaivén e os sorteos porán o broche final a unha fin de semana que aposta pola dinamización do rural e o apoio ao produto e oficio local.

Unha entidade veciñal con máis de 500 socios

A Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva Os Cinco Ríos, creada en 2019 no Corgo, é unha entidade sen ánimo de lucro con máis de 500 persoas asociadas. Ten como obxectivo mellorar a calidade de vida da veciñanza a través de actividades culturais, deportivas e sociais, así como da mellora das infraestruturas e da atención ás persoas maiores, contribuíndo activamente ao desenvolvemento do municipio.