Deputación de Lugo

A Deputación aproba Declaracións Institucionais contra a explotación sexual e en defensa da convivencia e o respecto

José Tomé Roca
declaración institucional
Xunta de voceiros
Nunha reunión convocada este martes polo Presidente, a Xunta de Voceiros acordou sendos documentos que serán ratificados no vindeiro Pleno

A institución provincial reafirma o seu apoio contra calquera forma de violencia, dende o convencemento de que “as políticas públicas deben protexer ás vítimas, fomentar a educación en valores e fortalecer a cohesión social, facendo un chamamento á unidade e ao respecto mutuo en toda a provincia”

A Xunta de Voceiros da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade nunha reunión convocada este martes polo Presidente, José Tomé Roca, declaracións institucionais con motivo do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos, así como en defensa da convivencia, a seguridade e o respecto a todas as persoas. Nos documentos, os tres grupos representados na Corporación -PSdeG, BNG e PPdeG- manifiestan o firme compromiso da institución coa erradicación de calquera forma de violencia, discriminación e odio, promovendo unha sociedade inclusiva, segura e baseada na igualdade e nos dereitos humanos.

Con estas declaracións, a Deputación reafirma o seu apoio ás políticas públicas que protexen ás vítimas, fomentan a educación en valores e fortalecen a cohesión social, facendo un chamamento á unidade e ao respecto mutuo en toda a provincia. Ademais, pon en valor a importancia da colaboración entre administracións locais, forzas de seguridade e sociedade civil para construír un entorno libre de explotación, racismo e calquera forma de discriminación.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL POLA CONVIVENCIA, A SEGURIDADE E O REPECTO A TODAS AS PERSOAS

Desde a Deputación Provincial de Lugo,manifestamos o noso firme compromiso cunha sociedade baseada no respecto, a lei e a convivencia.

Condenamos rotundamente calquera forma de racismo, violencia ou discurso de odio, así como calquera intento de dividirmos ou atacar a dignidade das persoas pola súa orixe, identidade ou crenzas.

As situacións vividas nos últimos días nalgúns municipios non representan o sentir maioritario dunha cidadanía que aposta pola paz e a inclusión. Por iso, reclamamos que se investigue a fondo o sucedido e, no caso de que existan responsabilidades, estas se asuman. Ningún delito de odio pode quedar sen resposta.

A xustiza é esencial, pero tamén o é o compromiso colectivo con políticas públicas que promovan a igualdade, a cohesión social e os Dereitos Humanos. Desde as entidades locais, debemos seguir impulsando espazos seguros e diversos onde todas as persoas poidan vivir con liberdade e dignidade.

Recoñecemos e valoramos o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade, que cada día protexen a nosa convivencia e garanten a seguridade que veciñas e veciños demandan, así como esiximos a dotación de medios e recursos suficientes que aseguren o mellor desempeño do seu traballo.

Por todo iso, facemos un chamamento á unidade. Só desde o respecto mutuo, o cumprimento da lei e o compromiso común, construiremos pobos e cidades máis xustos, libres e seguros para todas e todos.


DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A EXPLOTACIÓN SEXUAL E A TRATA DE MULLERES, NENAS E NENOS


A Deputación Provincial de Lugo súmase, un ano máis, á conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos. Esta xornada interpélanos, como sociedade, a reforzar o noso compromiso contra unha das manifestacións máis graves de vulneración de dereitos humanos e dignidade persoal. A trata con fins de explotación sexual, así como a industria do sexo, constitúen realidades profundamente inaceptables, que atentan contra a liberdade, a seguridade e a igualdade entre persoas.

En España, os datos seguen sendo preocupantes. Segundo cifras do Ministerio do Interior, en 2024 identificáronse 632 vítimas de trata, das cales 376 foron sometidas a explotación sexual. Entre elas atopábanse 15 nenas e 1 neno, e o 98% eran mulleres. Estas cifras evidencian o carácter marcadamente feminino destas formas de violencia, o que obriga os poderes públicos a actuar con determinación e firmeza.

Ningunha forma de explotación pode ter cabida nunha sociedade libre e democrática. O compromiso coa dignidade humana esixe desmantelar os factores que perpetúan a mercantilización do corpo, especialmente de mulleres, nenas e nenos. A trata non é un fenómeno illado: aliméntase da demanda, a pobreza, a falta de oportunidades e de situacións de especial vulnerabilidade social como a que sofren mulleres migrantes, racializadas, con discapacidade, LGTBI ou en risco de exclusión, e promover medidas que respecten a súa dignidade, dereitos e diversidade. 
As administracións públicas, e moi especialmente os Gobernos Locais, teñen unha responsabilidade directa na prevención, detección, protección e acompañamento das vítimas. Desde a Deputación Provincial de Lugo, reafirmamos o noso compromiso co impulso de políticas públicas efectivas, cunha perspectiva integral de dereitos humanos, centrada nas vítimas e que priorice a erradicación destas formas de violencia. Neste sentido, consideramos necesario promover marcos normativos que dificulten que locais, plataformas dixitais ou actividades económicas poidan facilitar ou beneficiarse de situacións de explotación sexual, reforzando a vixilancia e o cumprimento da legalidade. Por todo iso, instamos a:

•    Traballar con visión de futuro e promover unha educación baseada en valores de igualdade, dignidade e respecto, impulsando programas nos centros escolares que fomenten a concienciación temperá fronte a calquera forma de explotación, e que contribúan á transformación social necesaria para erradicar a trata.

•    Fomentar unha conciencia crítica que rexeite o consumo de prostitución e combata as mensaxes que normalizan ou minimizan esta realidade.

•    Consolidar redes locais de apoio que garantan o acceso a recursos habitacionais, sanitarios, xurídicos e laborais —fomentando espazos de formación e de emprego digno— que proporcionen alternativas reais para quen decida saír de situacións de explotación.

•    Reafirmar o compromiso firme das nosas entidades locais coa igualdade de oportunidades, a xustiza social e a defensa dos dereitos fundamentais.

•    Favorecer a participación activa de mulleres que superasen situacións de trata no deseño e avaliación de políticas públicas, recoñecendo a súa experiencia como elemento enriquecedor.

•    Reforzar a cooperación internacional e o traballo en rede con municipios e entidades de países de orixe, orientando os esforzos á prevención da trata de raíz, ao intercambio de boas prácticas e ao desenvolvemento de proxectos que aborden as causas profundas da situación de vulnerabilidade e risco.

Hoxe, 23 de setembro, expresamos o noso rexeitamento firme e decidido á trata e á explotación sexual de mulleres, nenas e nenos, e renovamos o noso compromiso coa construción de municipios seguros, inclusivos e libres de toda forma de violencia. Cada paso que deamos nesta dirección será unha contribución a un futuro máis digno no que ningunha muller, nena ou neno sexa xamais tratado como unha mercadoría.