Deputación de Lugo

Degustacións, actuacións musicais e showcookings centran un ano máis a Festa da Faba de Lourenzá co apoio da Deputación

Lourenzá
Festa da Faba
Os Deputados de Recursos Sostibles e de Medio Ambiente asistiron este sábado á lectura do pregón a cargo do profesor, escritor e humorista Pepe Peinó. A institución provincial impulsa esta trixésimo terceira edición cunha achega de 14.000€

Os Deputados de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, e Medio Ambiente, Carlos López López, xunto á Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, asistiron este sábado na praza Conde Santo deste concello mariñán ao pregón da trixésimo terceira edición da Festa da Faba de Lourenzá a cargo do profesor, escritor e humorista Pepe Peinó. A continuación, celebrouse un showcooking na praza de Linares Rivas da man do cociñeiro Andrés Torreiros, e ás 13:30 horas deu comezo a degustación popular de faba de Lourenzá no Campo dos Bolos. 

Os responsables provinciais recordaron que a institución provincial impulsa esta cita cunha achega económica de 14.000€ “porque estamos a falar dun evento que é un auténtico referente no calendario gastronómico da provincia que reúne durante esta fin de semana a milleiros de persoas”, sinalou Cajoto. Carlos López engadiu que  “esta cita contribúe ademais a poñer en valor a nosa gastronomía, dinamizar a economía local e reforzar a identidade cultural de Lourenzá”. 

A programación da Festa da Faba incluíu unha concentración de coches clásicos, degustacións populares deste produto, obradoiros infantís de cociña e un festival folclórico da man da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e a Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia. Así mesmo, no marco desta cita gastronómica os establecementos hostaleiros tamén serviron tapas deste produto e os visitantes e veciños puideron desfrutar dun percorrido no tren turístico, entre outras moitas actividades.