Deputación de Lugo

A Deputación e a Diocese de Lugo invisten preto de 450.000€ para restaurar nove igrexas da provincia

José Tomé Roca
O Presidente asinou este xoves co Bispo de Lugo un convenio de colaboración polo que a institución provincial achega preto de 220.000€ “para reforzar o noso compromiso co patrimonio lucense e coas parroquias rurais, porque conservar as igrexas é tamén conservar a historia, a arquitectura e a vida social”

Realizaranse melloras nos templos de San Xoán de Antas; San Xosé de Oural, en Sarria; Santa María de Rozavales, de Penela, e de Santa María de Baamorto, en Monforte de Lemos; San Salvador de San Breixo, en Monterroso; San Salvador de Ferreiros, na Pobra de Brollón; San Pedro de Arxemil, no Corgo; e San Martiño de Robledo, na Fonsagrada

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves co Bispo da Diocese de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, o convenio de colaboración polo que a institución provincial achega preto de 220.000€ á Diocese lucense para a restauración e mellora de nove igrexas históricas da provincia. Pola súa banda, a institución eclesiástica achega outros 220.000€, co cal ambas entidades invisten en total preto de 450.000€ para a mellora e rehabilitación destes bens culturais situados nos concellos de Antas de Ulla, Sarria, Monforte de Lemos, Monterroso, A Pobra do Brollón, O Corgo e A Fonsagrada. 

José Tomé subliñou que con esta achega dende a Deputación “reforzamos o noso compromiso co patrimonio lucense e coas parroquias rurais, porque conservar as igrexas é tamén conservar a historia, a arquitectura e a vida social do noso territorio”. Ademais fixo referencia o mandatario provincial a que as igrexas “non son só espazos de culto, senón lugares de encontro e convivencia que manteñen tamén a cultura e as tradicións”.

As actuacións obras incluídas no convenio consisten fundamentalmente na reparación e renovación de cubertas, eliminación de filtracións, mellora de accesibilidade e acondicionamento de espazos para uso cultural. Concretamente, o documento recolle as seguintes actuacións:

- Musealización da Antiga Igrexa de San Xoán de Antas de Ulla. Conta cun orzamento de case 68.550€. Concretamente, vanse acometer obras de adaptación e melloras importantes que van permitir o seu uso como espazo expositivo e musealización. 

- En Monforte, na igrexa de Santa María de Rozavales, renovarase a pizarra e a madeira que estea en mal estado e colocaranse canalóns semicirculares con 39.300€. Na igrexa de Santa María de Penela, acondicionarase a cuberta con 44.000€; e na de Santa María de Baamoorto restaurarase a tella da cuberta do adro da igrexa con preto de 29.400€.

- Na igrexa de San Xosé de Oural, en Sarria, acometerase cun investimento de case 87.300 euros para a eliminación de humidades ocasionadas pola filtración de auga a través da cuberta de pizarra, mellorar a accesibilidade e a seguridade. 

- Na igrexa de San Salvador de San Breixo, en Monterroso, renovarase tamén a tella da cuberta cun investimento de 39.500€. 

- Así mesmo, na igrexa de San Salvador de Ferreiros, na Pobra de Brollón; na de San Pedro de Arxemil, no Corgo; e na de San Martiño de Robledo, na Fonsagrada, arranxarase en todas elas a cuberta substituíndo a lousa e a madeira en mal estado.