Iria Castro participou no foro "Acceso á cultura en Galicia 2025" que o Consello da Cultura Galega celebrou en Antas

A deputada de Cultura Iria Castro participou este xoves na última xornada do foro “Acceso á cultura eN Galicia 2025” organizado polo Consello da Cultura Galega en Antas de Ulla para expoñer as conclusións do proceso impulsado pola súa Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais para analizar sobre o terreo o grao de acceso á cultura e de cumprimento dos dereitos culturais.
Na súa intervención no acto, que contou tamén coa participación da xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago como unha das coordinadoras do proceso de recollida de datos, a deputada sinalou a singularidade da provincia en relación coa poboación e a súa distribución no territorio como elementos a valorar á hora de definir e desenvolver políticas culturais.
Nese marco, situou como prioridade para a insticución provincial a colaboración cos concellos máis pequenos, con máis dificultades para destinar recursos e habilitar infraestruturas para a cultura, e co tecido asociativo, que en Lugo, remarcou, "fai un traballo inxente e imprescindible para achegar a cultura a todo o territorio".
"As nosas programacións diríxense fundamentalmente aos concellos maís pequenos. Cremos que é necesario ofrecer unha programación cultural para xerar o hábito e a demanda dunha oferta cultural estable", sinalou.
Tamén destacou p potencial dinamizador dos investimentos en infraestucturas dimensionadas que, defendeu, "facilitan que os colectivos culturais e o tecido asociativo poidan crear. Non sempre hai que traer producións, hai que facilitar a creación no propio territorio".
Entre as conclusións do proxecto expostas en Antas, o Consello da Cultura Galega destaca o papel esencial dos profesionais da cultura como axentes de cambio, a necesidade de mellorar a comunicación institucional —simplificando a linguaxe burocrática e eliminando barreiras simbólicas—, e a urxencia de incorporar á cidadanía e aos colectivos vulnerables na toma de decisións lexislativas e programáticas. A nota completa sobre as conclusións pode consultar aquí.