Deputación de Lugo

A Deputación participa en Salamanca no XVIII Encontro e Asemblea de Vilas Termais da FEMP

FEMP
TURISMO TERMAL
A Deputada de Muller e Igualdade e Alcaldesa de Guitiriz asistiu á segunda xornada desta cita de referencia nacional que aborda ata o 25 de outubro o futuro dos territorios termais

“Co programa Lugo Termal achegamos os beneficios do termalismo a miles de persoas, ao tempo que consolidamos unha rede provincial que integra benestar cidadán, desenvolvemento local e colaboración público-privada” avanzou Marisol Morandeira

A Deputada de Muller e Igualdade e Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira Morandeira, participou este venres na segunda xornada do XVIII Encontro e Asemblea de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias que se celebra en Salamanca ata o 25 de outubro. Esta cita, de referencia nacional, está a ter lugar desde este xoves no Balneario de Ledesma, no municipio de Vega de Tirados, e inclúe a participación de responsables políticos, técnicos, xestores e expertos do ecosistema termal para abordar o futuro dos territorios termais e compartir experiencias. 

Nesta xornada, Marisol Morandeira participou na mesa redonda Os balnearios como espazos de saúde física e emocional xunto ao director do Balneario de Ledesma, Ángel Lois, e a presidenta da Asociación Iberoamericana de Termalismo e Benestar, Teresa Pacheco. A Deputada salientou que “nun contexto social marcado polo envellecemento e o estrés os balnearios consolidáronse como espazos que complementan o sistema público de saúde e ofrecen respostas reais a necesidades reais”. 

“Os balnearios son infraestruturas estratéxicas para o desenvolvemento local: xeran emprego estable, atraen a visitantes durante todo o ano, dinamizan o comercio e a hostalería, poñen en valor o patrimonio natural e cultural. A súa capacidade para atraer actividade económica permite construír un modelo territorial máis equilibrado e sostible”, resaltou. 

Ademais, fixo especial fincapé nas accións que leva a cabo a Deputación de Lugo neste eido “co programa Lugo Termal achegamos os beneficios do termalismo a miles de persoas, ao tempo que consolidamos unha rede provincial que integra benestar cidadán, desenvolvemento local e colaboración público-privada”.

Este evento continuará mañá cun obradoiro práctico da man da Doutora en Dereito Sofía Salgado, unha conferencia sobre o Balance actual e perspectivas de futuro do programa de termalismo social do IMSERSO e un relatorio final sobre O turismo Termal en pequenos municipios como motor de desenvolvemento rural, entre outras actividades.