Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente reivindica a liberdade feminina na apertura dun Con Voz de Muller que encheu o Pazo de San Marcos para falar de sexo

Con Voz de Muller
José Tomé mostrou a súa satisfacción por ver o aforo completo no Salón de Actos e reafirma “un feminismo inclusivo e decididamente progresista, que amplía dereitos e non retrocede nin un só paso fronte a quen pretende devolvernos ao silencio”

O mandatario provincial convidou aos asistentes a reflexionar na tarde deste venres nunha xornada organizada pola Deputación e a Cadea SER, na que referentes femininas de distintos ámbitos profesionais falan da sexualidade feminina e a educación afectivo-sexual

Participaron a directora do Instituto das Mulleres, Cristina Hernández; a humorista Carolina Iglesias; a sexóloga Estefanía Fernández; a educadora social Marta Paz e a artista Catuxa Saloom

O Presidente da Deputación de Lugo reivindicou este venres a liberdade feminina nun Salón de Actos do Pazo de San Marcos con aforo completo durante a inauguración dunha nova edición de Con Voz de Muller. Un gran espazo de comunicación organizado pola Deputación e a cadea SER para compartir, reflexionar, aprender e desfrutar con referentes femininas que este ano xira entorno a sexualidade feminina e convida á reflexión sobre a educación afectivo-sexual. 

José Tomé abriu a xornada reafirmando que dende a Deputación “defendemos un feminismo inclusivo e decididamente progresista, que amplía dereitos e non retrocede nin un só paso fronte a quen pretende devolvernos ao silencio”. Engadiu tamén que “o feminismo non precisa escusas: é xustiza, dignidade e futuro”.

O foro, conducido pola xornalista Sara Meijide, convidou ao longo da tarde a reflexionar sobre a necesidade de rachar estigmas e reivindicar o dereito a falar do corpo e o pracer con liberdade. A xornada contou cunha mesa redonda na que participou a sexóloga Estefanía Fernández e a educadora social Marta Paz para abordar xunto a Carolina Iglesias, humorista e recoñecida nas redes como Percebes y Grelos, en torno ás cousas que nunca nos contaron sobre sexo. 

Tamén interveu Cristina Hernández, directora do Instituto das Mulleres do Goberno de España e especialista en políticas de igualdade e violencia de xénero. A música e a voz da artista Catuxa Saloom que pecharon o evento, aportando a súa visión e reflexión persoal. 

“Hoxe falarase con normalidade do que durante anos se calou”, declarou José Tomé, quen continuou sinalando “cando unha muller gaña liberdade, gañamos todas e todos”. Recalcou o Presidente que a Deputación traballa cada día para acadar unha provincia de Lugo “máis igualitaria, máis aberta e máis libre”. Así mesmo, reafirmou o compromiso da institución provincial “de seguir abrindo camiños, recursos e espazos como este, que leven a pensar, aprender, rir, emocionarnos e avanzar colectivamente”.

No acto estiveron presentes tamén, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez; a Subdelegada do Goberno en Galicia, Olimpia López Rodríguez; a Deputada no Congreso, Patricia Otero Rodríguez; o senador César Alejandro Mogo Zaro; a Deputada no Parlamento Galego Lara Méndez; así como concelleiros e concelleiras do Concello de Lugo e José Luis Lolo Celeiro, Presidente de COGAMI Lugo.