A Deputación pon en valor a tradición artesanal e o talento feminino na XVII edición da Tasca do Liño
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou este sábado en San Bartolomeu de Insua na XVII edición da Tasca do Liño, a tradicional cita que cada anoorganiza a Asociación de Mulleres Murais nesta parroquia vilalbesa. O evento, que se celebra durante toda a xornada, conta cunha achega económica de 2.000€ e unha exposición de traxes do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD).
No acto de apertura o Deputado Provincial estivo acompañado pola Presidenta desta entidade, Lourdes Otero Mato, e a Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco Seoane, entre outras autoridades.
Carlos López agradeceu o traballo “deste colectivo, do Concello e a implicación das artesáns, dos artesáns e da veciñanza que sostén ano tras ano este evento”. Puxo tamén o foco “no traballo das mulleres que procesan o liño. Un oficio que require coñecemento e que dá como resultado pezas de gran calidade”. Así mesmo, asegurou que a institución provincial seguirá “apoiando iniciativas como esta porque o rural necesita actividade, xente e oportunidades”.
A programación desta décimo sétima edición incluíu demostracións da Tasca do Liño, xantar popular, actuacións de música tradicional, degustacións e obradoiros participativos de tinguido, estampado en papel reciclado e cerámica, entre outras moitas actividades.