A Deputación abre o luns as inscricións do Lugo Termal, que medra un 20% para atender a alta demanda
Pilar García Porto destacou que “este esforzo inversor é unha mostra clara do noso compromiso co turismo termal, porque encaixa co modelo de turismo sostible e de calidade polo que levamos anos apostando dende a institución provincial”
Os interesados en participar, maiores de 50 anos empadroados na provincia, poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro provincial ou a través da sede electrónica. O programa ofrece descontos nos balnearios de Lugo, Pambre, Guitiriz e Pantón, e permite acudir cun acompañante sen límite de idade
Ademais, aprobouse un investimento de case 1,7M€ para nova maquinaria e emulsión asfáltica do Parque Móbil, que mellorará o servizo para executar obras nos concellos “dun xeito máis rápido, eficiente e económico”
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar este venres as bases e a convocatoria dunha nova edición do programa Lugo Termal para a temporada 2025-2026, que abrirá o prazo de inscrición este luns, 1 de decembro. Nesta edición, o programa aumenta un 20% tanto o investimento como as prazas para atender a alta demanda que ano tras ano rexistra. “Reforzamos o noso compromiso co turismo termal aumentando o orzamento dos 121.605€aos 145.926€,e o número de prazas elévase de 1.750 a 2.100, incluíndo xa 220 prazas adicionais ampliadas a metade de tempada debido o grande interese que xera esta iniciativa”, informou trala reunión da Xunta de Goberno a Voceira Socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto.
Destacou que este esforzo inversor “é unha mostra clara do compromiso firme da Deputación co turismo termal, un sector que mellora o benestar e a saúde da cidadanía, pero tamén impulsa a economía local e contribúe a manter a actividade dos balnearios ao longo de todo o ano”.
Para poñer en contexto esta aposta, García Porto subliñou que a Xunta de Galicia ofrece 1.276 prazas para toda a comunidade autónoma, mentres que o Lugo Termal supera esa cifra só na provincia, cun total de 2.100 prazas, 824 máis que as ofrecidas pola Xunta. “É un esforzo inversor especialmente significativo, que reforza un turismo en auxe como é o termalismo e que combina saúde, benestar e dinamización económica”, afirmou a Voceira Socialista do Goberno.
1.320 prazas con estancia e 780 sen estancia
O programa Lugo Termal ofrece aos veciños e veciñas da provincia descontos en tratamentos termais nos balnearios de Lugo, Pambre, Guitiriz e Pantón. Está dirixido a persoas empadroadas na provincia que teñan 50 anos ou máis. Os beneficiarios poderán acudir a estes establecementos cun acompañante que non teña necesariamente esta idade. Como en anos anteriores, haberá diferentes técnicas e tratamentos a disposición das persoas usuarias.
As prazas están dispoñibles en dúas modalidades: con estancia e sen estancia, adaptándose así ás necesidades e preferencias de todos os usuarios e usuarias. Concretamente, o programa contará con 1.320 prazas con estancia: 48 no Balneario Termas de Lugo, 72no Balneario Río Pambre, 600 no Balneario de Guitiriz e 600 no Hotel Balneario Augas Santas. Ademais a Deputación ofrecerá outras 780 prazas sen estancia: 240 no Balneario lucense das Termas, 180 no Balneario Río Pambre, 180 no Balneario de Guitiriz e 180 no Hotel Balneario Augas Santas.
Como solicitar praza
O prazo de inscrición abrirá o luns, 1 de decembro, ás 09:00 horas, e estará aberto ata esgotar prazas. As solicitudes, acompañadas dunha fotocopia do DNI, poderán presentarse no Rexistro provincial ou a través da sede electrónica da Deputación. As bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia este sábado, 29 de novembro.
Preto de 1,7M€ en investimentos para o Parque Móbil
Ademais, na Xunta de Goberno deste venres a Deputación aprobou un investimento de case 1,7M€ destinado á adquisición de maquinaria e o subministro de emulsión asfáltica no Parque Móbil da institución provincial. Concretamente, licitouse a compra dun semirremolque usado tipo góndola asfaltera, por un importe de 72.600€ e a adxudicación dunha máquina compactadora tandem usada por un prezo de 61.468€, incluído o servizo de recollida do pisón usado.
Licitado tamén o contrato de subministración da emulsión asfáltica para o Parque Móbil da Deputación, cun importe total de 1.512.500€ e unha duración dun ano. Este investimento permitirá mellorar o servizo que ofrece o Parque Móbil para acometer actuacións nos concellos “dun xeito máis rápido, eficiente e económico”, argumentou García Porto.