O Presidente e a Alcaldesa de Vilalba asinan un convenio para arranxar accesos en Belesar e Goiriz
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco Seoane, asinaron este venres un convenio de colaboración polo cal a institución provincial achegará case 60.000€ ao Concello chairego para mellorar a mobilidade no rural do municipio. Concretamente, este investimento servirá para acondicionar catro accesos nos núcleos de Cabanamille e Ver, nas parroquias de Belesar e Goiriz.
“Esta nova colaboración con Vilalba é froito do noso compromiso cos concellos para poder achegar ao rural servizos públicos de calidade que melloran o benestar da veciñanza”, valorou o mandatario provincial. Destacou que se trata dun acordo importante para Vilalba posto que Cabanamille e Ver son dous núcleos de poboación pequenos que representan á perfección o rural deste concello, con algunhas vivendas e explotacións agrícolas e gandeiras.
En Cabanamille rehabilitaranse tres vías que vertebran este núcleo de Belesar. Dunha parte, a actuación contempla a limpeza das cunetas de algo máis de catro quilómetros e doutra, a reparación do firme en dous quilómetros e medio do conxunto do trazado. En Ver, na parroquia de Goiriz, o Concello mellorará con cargo a este investimento algo máis de 600 metros do acceso desde a N-634. Os traballos neste caso inclúen a limpeza das cunetas e a mellora do firme.
Este acordo vén complementar o que a Deputación de Lugo asinou recentemente co Concello de Vilalba por outros 260.000€. Unha colaboración que servirá, entre outras cuestións, mellorar a mobilidade do núcleo urbano coa rehabilitación do firme no acceso ao barrio das Fontiñas e na rúa do Rego.